Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Comeza o I Trofeo de...


Comeza o I Trofeo de Tenis Concello de Ames

[15-04-2019] As instalacións do Real Aeroclub de Santiago, situadas na Ameixenda, acollen ao longo desta semana a primeira edición do Trofeo de Tenis Concello de Ames. Os partidos comezan hoxe a partir das 16.30h, e desenvólvense ata o domingo 21, cando teñen lugar as finais infantil, alevín, veteranos junior +35 e absoluta. O torneo está dividido nas modalidades federada e open non competitivo. As categorías federadas divídense en benxamín, alevín, infantil, cadete, absoluto e veteranos + 35; mentres que o open vai dirixido a nenos/as de 6 a 10 anos e divídese en mini-tenis, 3/4 pista e pista completa. No total inscribironse 71 persoas federadas e 20 non federadas.

Ás 16.30 horas desta tarde bota a andar o I Trofeo de Tenis Concello de Ames coa disputa dos primeiros partidos da modalidade federada. O torneo comeza ás 16.30h, hora na que se disputan os partidos de oitavos da fase final da categoría veteranos junior +35, a fase A da liguilla benxamín e dous partidos das semifinais da fase previa da categoría absoluta masculina. A continuación, ás 18.00h, ten lugar un segundo partido da liguilla benxamín e dúas semifinais da fase previa da absoluta. O punto e final desta primeira xornada márcano tres partidos de oitavos da fase final nas categorías absoluta e veteranos junior +35.

A competición continua este martes con horarios similares aos de hoxe, mentres que o mércores, xoves, venres e sábado os partidos desenvólvense de mañá e tarde. O torneo remata o domingo cunha xornada matutina na que se disputan as finais das categorías infantil, alevín, veteranos junior +35 e absoluta. Os horarios detallados dos partidos e as categorías que se enfrontan en cada un deles poden consultarse na seguinte ligazón.

Durante o torneo, as categorías cadete, absoluto e veteranos + 35 disputanse ao mellor de tres sets con tie-break en todos eles nas fases finais. As fases previas poden marcarse con super tie break no terceiro, seguindo o criterio da organización. No tocante ás categorías alevín, infantil e veteranos +50, estas dispútanse ao mellor de tres sets con super tie break no terceiro. A categoría benxamín consiste en sets cortos, a 4 xogos, con tie break no 4-4 e super tie break no terceiro set.

Por outra banda, a modalidade open esta dividida entre as categorías mini-tenis, 3/4 pista e pista completa, nas que poden competir nenos e nenas de 6 a 10 anos. Estas categorías seguen un sistema non competitivo con partidos por tempo, que se desenvolven o domingo 21 de abril. En xeral, en pista os e as xogadoras deben vestir roupa reglamentaria seguindo o Código de Conduta no seu comportamento.

As persoas que obteñan o primeiro e segundo posto das categorías federadas recibirán un trofeo, mentres que os e as participantes na modalidade open obterán unha medalla para conmemorar o seu paso polo torneo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925