Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas As nenas e nenos da...


As nenas e nenos da EIM O Bosque celebran a Semana do Libro con moitos contos e unha gran festa

[30-04-2019] Os contos e os libros convértense nun dos aspectos que máis marcan a infancia de calquera persoa, polo o alumnado mailo profesorado da escola infantil municipal O Bosque decidiron conmemorar a Semana do Libro cunha chea de actividades para celebrar a literatura. Así, durante a semana do 22 de abril, os nenos e nenas levaron a escola os seus contos favoritos para compartilos co resto dos/as seus compañeiros/as, e mesmo recibiron a visita dalgúns avós e avoas que se animaron a narrarlles as súas aventuras preferidas. A semana rematou cunha gran festa na que os protagonistas foron a literatura, a diversión e a música.

Tanto o alumnado como o equipo da escola infantil municipal O Bosque quixeron aproveitar a conmemoración do Día do Libro, celebrada o 23 de abril, para festexar a Semana do Libro, cinco días cheos de actividades e contos. Así, co gallo desta festividade, cada cativo e cativa trouxo da casa o seu conto favorito, co obxectivo de compartilo co resto de nenos/as do colexio e formar unha gran biblioteca temporal adaptada a todos os gustos, que foi percorrendo as aulas da escola para deleite de todo o alumnado.

Asemade, durante estes cinco días, varios avós e avoas animáronse a visitar ao grupo de 1 a 2 anos do centro para narrarlles os contos e historias que máis lles gustan, así como para explicarlles como os descubriron e cales son os favoritos dos seus netos e netas. Por outra banda, as profesoras/es de 2 a 3 anos tamén representaron no patio da escola o conto O monstro de cores, sesión que aproveitaron para realizar co alumnado varias actividades a través das que explicaron de maneira sinxela e dinámica as distintas emocións e como estas poden conducirse.

Esta semana temática chea de sorpresas e lectura rematou cunha gran festa no patio da escola, na que tanto nenas/os como mestres/as puideron gozar dos contos acompañados por música de fondo. Durante a celebración, cativos e adultos puideron botar man tanto dos libros da escola como dos que os alumnos e alumnas quixeron compartir.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925