Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O prazo de...


O prazo de inscrición na Escola de Verán 2019 estará aberto ata o 16 de maio

[01-05-2019] Coa chegada das vacacións escolares de estío, o Concello de Ames pon en marcha unha nova edición da Escola de Verán. Mediante este programa de conciliación, que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto, búscase facilitar ás familias amesás a conciliación da súa vida familiar e laboral unha vez rematado o curso escolar. O prazo de inscrición deste servizo, organizado pola Concellaría de Educación e Cultura, remata o vindeiro 16 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter o impreso de inscrición e as bases da Escola de Verán 2019.

A Escola de Verán é unha oferta educativa que pretende ofrecer unha alternativa de ocio e tempo libre aos nenos e nenas do concello de Ames no período estival, cunha ampla oferta de actividades dirixidas a fomentar a convivencia, a tolerancia e a integración. Así, as cativas e cativos poderán participar en diversos xogos e exercicios a través dos que se buscará que aprendan a valorar e gozar da actividade física e o respecto polo contorno, ademais de enfocarse no divertimento e a creatividade.

Asemade, este servizo tamén procura facilitar ás nais e pais a conciliación entre a vida laboral e familiar, polo que está dirixido a nenas e nenos que cursen o segundo ciclo de Infantil ou Educación Primaria e cuxa unidade familiar estea empadroada na súa totalidade en Ames. Ademais, as familias que soliciten este servizo deberán acreditar a súa necesidade de conciliación por parte dos dous proxenitores ou titores. Así mesmo, para poder solicitar unha praza na Escola de Verán, as familias deberán estar ao día no pagamento dos servizos municipais ofertados polo Concello.

Este programa de conciliación comezará ao remate do Xuño Lúdico, polo que se desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto, de luns a venres entre as 07.30h e as 16.00 horas, agás os festivos. O servizo terá lugar tanto no Milladoiro como en Bertamiráns. Esta edición tamén está previsto que esta actividade se realice no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro. Sen embargo, ao igual que no Xuño Lúdico, o lugar no que se desenvolverá no núcleo de Bertamiráns será confirmado nas vindeiras semanas por mor das obras previstas no comedor do centro.

Tramitación das inscricións
As solicitudes de inscrición poden recollerse no departamento de Educación, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ou nas oficinas municipais do Milladoiro, en horario de 09.00h ás 14.00 horas. De igual maneira, estas tamén se poden obter desde a web municipal, nomeadamente desde o apartado de descargas desta nova.

As solicitudes deben entregarse, debidamente cubertas, nos rexistros xerais da Casa do Concello, do Pazo da Peregrina ou da oficina municipal do Milladoiro, no mesmo horario. As solicitudes tamén poden ser entregadas a través do rexistro telemático do Concello de Ames. O prazo de presentación de solicitudes rematará o vindeiro 16 de maio. Para obter máis información sobre este servizo, pódese chamar ao número de teléfono 981 891 476 ou enviar un correo electrónico ao enderezo educacion@concellodeames.gal.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925