Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Maio chega a Ames...


Maio chega a Ames cargado de sesións de contacontos

[04-05-2019] A Concellaría de Educación e Cultura ten programado para este mes de maio oito novas sesións de contacontos, que se desenvolverán nas bibliotecas municipais do Milladoiro e Bertamiráns, así como nos locais sociais de Bugallido e Augapesada. Este tipo de actividades de animación á lectura están dirixidas especialmente a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. A entrada é libre e gratuíta. As primeiras sesións terán lugar en Augapesada e Bugallido o proximo luns e martes.

Durante o mes de maio, as bibliotecas municipais de Ames e mailos locais sociais de Augapesada e Bugallido acollerán varias actividades de animación á lectura, que consistirán en oito sesións de contacontos dirixidas a nenas e nenos entre os 3 e os 8 anos. Así, as primeiras en celebrarse serán as que se realizarán o luns, 6 de maio, e o martes 7 en Augapesada e Bugallido.

Ambas sesións comezarán ás 18.00h e xirarán sobre o libro A sopa queima, no que Pablo Albó fai un percorrido por algúns deses pequenos obstáculos aos que teñen que enfrontarse os cativos e cativas na súa vida diaria, como é o caso da endemoñada temperatura da sopa. A continuación, o mércores 8 de maio ás 17.30h, chegaralle a quenda á biblioteca do Milladoiro coa sesión sobre a “operación pañal” Corre, corre, que non chegas!. O mesmo conto será narrado ao día seguinte, o xoves 9, na biblioteca de Bertamiráns no mesmo horario.

Uns días despois, o luns 20 de maio, o conto escrito por Marisa Núñez e ilustrado por Helga Bansch, Chocolata, aterrará no local social de Augapesada. Nesta sesión os cativos e cativas gozarán das aventuras desta inqueda hipopótamo que un día decide vestir un bonito chándal e unhas deportivas de luces para visitar a casa de baños da cidade. Esta sesión realizarase o martes 21 en Bugallido tamén ás 18.00h.

As dúas últimas sesións realizaranse o mércores 22 en Bertamiráns e o xoves 23 no Milladoiro, a partir das 17.30 horas. Nesta ocasión o protagonista será o conto Cando comer dá medo.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925