Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Pazo da Peregrina...


O Pazo da Peregrina acolle este xoves, 9 de maio, a proxección do documental “Idénticas” de Luis Avilés

[07-05-2019] Este xoves, 9 de maio, ás 18.00 horas, proxectarase no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, o documental titulado “Idénticas”, do cineasta Luis Avilés Baquero. Neste traballo audiovisual, de 70 minutos de duración, cóntase a historia de dúas nenas de Lousame, Celia e Cayetana, afectadas por unha enfermidade que só padecen 62 persoas no mundo. Este documental foi estreado no pasado mes de decembro na Mostra de Curtas de Noia. No pasado mes de marzo foi galardoado co premio Mestre Mateo ao mellor documental.

O traballo audiovisual realizado polo noiés Luís Avilés Baquero co fin de dar a coñecer o día a día das pequenas Celia e Cayetana, as irmás que sofren heteroplasia ósea progresiva, será proxectado este xoves, 9 de maio, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns.

A través deste documental cóntase a historia de dúas nenas de Lousame afectadas por unha unha enfermidade ultrarrara que só padecen 62 persoas no mundo. Esta enfermidade, a heteroplasia ósea progresiva, afecta diariamente a rutina da familia, tanto das nenas coma do seu pai e nai.

Ademais, a través deste traballo preténdese homenaxear a todas as familias que sofren enfermidades raras, a todo o persoal sanitario, aos investigadores; e, por suposto, a todas aquelas persoas que apoian a Asociación Galega de Heteroplasia Ósea Progresiva (ASGPOH), para loitar por un futuro mellor das persoas que sofren algún tipo de enfermidade rara.

Independentemente das emocións que transmita, neste documental quérese facer pensar e reflexionar ao espectador sobre a realidade que vive calquera paciente de enfermidades raras no noso país, e a pasividade da sociedade e as administracións públicas.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925