Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Club Voleibol...


O Club Voleibol Bruxas queda subcampión na fase de ascenso a primeira división feminina

[13-05-2019] As rapazas do equipo feminino do Vitaldent Santiago CV Bruxas quedaron subcampioas na fase de ascenso a primeira división feminina, disputada esta pasada fin de semana na cidade de Haro, na Rioxa. O equipo amesán perdeu no tie break por 13-15 ante o equipo da Universidade de León. Na fase de grupos o Vitaldent Santiago CV Bruxas quedou en primeira posición con 5 puntos. En semifinais gañoulle por 3 sets a 0 ao D,Elhuyar Logroño Setem Rioja. O equipo de Ames fixo un gran torneo xa que era a primeira vez que xogaba a fase de ascenso á máxima categoría nacional.

Esta pasada fin de semana o equipo feminino do Vitaldent Santiago CV Bruxas disputou por primeira vez na súa historia, na cidade rioxana de Haro, a fase de ascenso a primeira división feminina. As rapazas do Vitaldent Santiago CV Bruxas chegaron a esta fase de ascenso despois de ser as campioas do campionato galego sénior feminino, que se disputou o sábado, 6 de abril, no pavillón polideportivo de Bertamiráns.

O torneo estivo composto por dous grupos de tres e catro equipos entre os que estiveron o Haro Rioja Voley xunto a Aule (Castilla y León), CD Cristo Rey (Castilla y León), Bruxas C.V. (Galicia), RGC Covadonga (Asturias), La Calzada (Asturias) e D’Elhuyar Logroño Setem (Euskadi). Os partidos disputáronse en horario de mañá e tarde. O equipo amesán estivo encadrado no grupo B co Haro Rioja Voley, La Calzada e CD Cristo Rey.

As rapazas do CV Bruxas comezaron o torneo perdendo por 1-3 contra o CD Cristo Rey. A pesar de non comezar con bo pé, as xogadoras amesás gañaron os dous seguinte partidos da fase de grupo. O venres pola tarde gañáronlle ao equipo anfitrión, ao Haro Rioja Voley, por 3 sets a 0, e o sábado pola mañá impuxéronse fronte ao CV La Calzada por 1-3. Finalmente, quedaron primeiras de grupo, empatadas a 5 puntos co Haro Rioja Voley. O CD Cristo Rey e o CV La Calzada foron terceiras e cuartas respectivamente con 4 puntos cada equipo.

Final moi igualada
O Vitaldent Santiago CV Bruxas disputou o partido de semifinais o sábado pola tarde enfrontándose ao D,Elhuyar Logroño Setem Rioja. As rapazas de Ames impuxéronse gañando o partido por 0-3, pasando á final do domingo, onde xogaron contra o equipo da Universidade de León. A final estivo moi igualada. O primeiro set foi para o equipo leonés por 19-25, mentres que o segundo gañouno o CV Bruxas por 27-25. O terceiro set volveu a gañalo o equipo de León por 25-27 e o cuarto foi para o conxunto de Ames por 25-20. Así chegouse ao tie break que caeu de lado do equipo leonés por 13-15.

Deste xeito, o equipo da Universidade de León proclamouse campión conseguindo o ascenso a primeira división feminina, mentres que o Vitaldent Santiago CV Bruxas quedou en segunda posición. O terceiro posto foi para o Haro Rioja Voley e cuarto quedou o D,Elhuyar Logroño Setem Rioja. Na quinta posición quedou o CD Cristo Rey; o sexto posto foi para o RGC Covadonga; e sétima posición ocupouna o CV La Calzada.

O presidente do Vitaldent Santiago C.V. Bruxas, Fernando Lizuain, dixo “síntome moi orgulloso do campionato feito polas rapazas do equipo de primeira división autonómica feminino. Tiveron que disputar cinco partidos en 50 horas e o último a 5 sets. O cansazo e a calor fixeron efecto nas nosas xogadoras e non deixaron desenvolver o seu xogo habitual, a pesar de todo loitaron ata o final e estiveron a punto de gañar a lotería do tie break. Tamén estamos moi contentos do ánimo que nos deu en Haro a nosa afección que non parou de animar en ningún momento. Foi un fin de semana moi intenso e gratificante”.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925