Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Inscríbete...


Inscríbete antes do mércores na andaina saudable deste sábado polo Rego da Andoriña

[13-05-2019] As Concellarías de Sanidade e Medio Ambiente de Ames organizan este sábado, 18 de maio, unha andaina saudable polo Rego da Andoriña que culminará cun almorzo grupal. O obxectivo desta iniciativa é ofrecer unha alternativa extraordinaria á trintena de andainas xa programadas ao amparo do programa SaudeAndo, ao tempo que busca animar ás e aos amesás a practicar actividade física de forma amena e divertida. Para participar é necesario inscribirse antes das 14.00 horas deste mércores, 15 de maio, a través dun correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal ou do teléfono 649 450 264. Dita actividade é gratuíta, e conta con servizo de autobuses dende Milladoiro e Bertamiráns.

A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade de Ames aúna forzas coa Concellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible co obxectivo de animar á veciñanza amesá a practicar actividade física mentres coñece o itinerario cultural e ambiental do concello. Para elo, ambos departamentos organizan este sábado, 18 de maio, unha andaina saudable polo Rego da Andoriña ao abeiro do programa SaudeAndo, que contará con explicacións referentes á marcha nórdica e aos recursos naturais da ruta.

Así, a xornada comezará ás 10.00h na Casa da Cultura do Milladoiro, onde un autobús recollerá aos participantes para, deseguido, facer parada na Praza do Concello de Bertamiráns. Así, a actividade comezará ás 10.30 na praia fluvial de Tapia, onde Ricardo Angueira Vázquez, o monitor que impartiu o curso de iniciación de Marcha Nórdica e que supervisará a andaina, ofrecerá unha serie de pautas para os participantes sobre esta disciplina e axudaraos a prepararse na marcha nórdica.

A continuación, entre as 11.00 e as 13.00h, os e as asistentes percorrerán a ruta do Rego da Andoriña acompañados tamén por Patricia Reboreda, técnica de Medio Ambiente, que será a encargada de explicar os recursos naturais que se irán atopando durante o paseo. Ao remate da andaina, o Concello servirá un almorzo saudable deseñado pola nutricionista municipal, tralo que os participantes regresarán en autocar a Bertamiráns e Milladoiro.

Esta actividade pretende converterse así nunha alternativa novidosa dentro do programa SaudeAndo, que ten como obxectivo a promoción da actividade física e a redución do sedentarismo entre os e as amesás de todas as idades. Con esta nova andaina, ademais, búscase ofrecerlle unha alternativa a aquelas persoas que, por cuestión de tempo ou horarios, non poden acudir ás andainas saudables programadas os xoves en Bertamiráns e Milladoiro.

Para participar nesta actividade gratuíta, é necesario inscribirse antes das 14.00 horas deste mércores, 15 de maio, enviando un correo electrónico ao enderezo sanidade@concellodeames.gal ou mediante o teléfono 649 450 264. Pódese acudir a estas mesmas canles para recibir máis información sobre esta andaina.

Ruta da Andoriña
A ruta parte da praia fluvial de Tapia, onde se pode ver o muíño da Insua, que está restaurado e aparece recollido no Catastro do Marqués da Ensenada de 1.750. De seguido, síguese unha senda polas beiras do río Tambre ata que os camiñantes se incorporen a unha estrada que os leva ata a Ermida da Nosa Señora da Magdalena. Seguindo un antigo carreiro, os camiñantes chegarán ás ribeiras do rego do Andoriña. Tamén pasarán ao carón das murallas do castro de Piñeiro e da capela do priorado de San Mamede.

Dende este punto, os participantes na andaina chegarán a unha pequena fraga, a devesa de Sequeiros, onde poderán ver unha mostra do bosque atlántico. Unha vez se sae do bosque poderán achegarse ata unha pequena fervenza do canal Carreiro. Finalmente, pasarán pola ponte de Portochán, antes de volver o punto de inicio.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925