Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas Experimenta un...


Experimenta un verán cargado de deporte e cultura a través dos campamentos deportivos organizados pola Deputación da Coruña

[14-05-2019] Un ano máis, a Deputación da Coruña organiza unha nova edición do seu programa de campamentos deportivos destinado as nenas e nenos dos concellos da provincia. Ao abeiro desta iniciativa, un total de 10 mozas e mozos de Ames de 9 a 14 anos participarán nunha destas estadías entre o 21 e o 26 de xullo, que se desenvolverá no centro Calvo Sotelo da Coruña. As persoas interesadas nesta actividade, que ten un custo de 85 euros, deberán formalizar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello antes do vindeiro 31 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo no que se inclúe o impreso de solicitude de inscrición.

A programación destes campamentos inclúe a realización de actividades náuticas, equitación, tenis, sendeirismo, así como a práctica doutros deportes como son o fútbol, o voleipraia, o voleibol, o baloncesto, o aeróbic e o baile, entre outros. Ademais, os campamentos tamén contarán con veladas nocturnas nas que se realizarán actividades e xogos que fomenten a comunicación, o intercambio de experiencias, a convivencia e o respecto polos demais. Non obstante, a cultura tamén ten cabida no desenvolvemento destas actividades, posto que tamén contempla unha serie de visitas a centros de interese cultural tanto da comarca como da cidade da Coruña.

A cota de inscrición é de 85 euros, prezo no que se inclúe o transporte interno, a estadía e manutención na residencia, e o gasto das actividades programadas. Asemade, esta cota tamén inclúe os custos derivados do material propio de cada actividade deportiva, como poden ser raquetas de tenis, balóns, chalecos salvavidas ou chalecos salvavidas. Dita cantidade deberá ser ingresada unha vez o/a neno/a obteña praza no número de conta que a Deputación provincial publicará na súa páxina web. Cabe destacar que o obxectivo destes campamentos é facilitar a conciliación familiar e laboral das familias durante o verán.

Tramitación das inscricións
As inscricións deberán formalizarse nalgún dos rexistros municipais do Concello de Ames, de luns a venres, en horario de 09.00h a 14.00 horas. Xunto co impreso de inscrición debidamente cuberto e asinado polos pais ou titores da persoa solicitante, tamén deberán entregarse unha foto tipo carné, unha fotocopia da tarxeta sanitaria e outra do libro de familia ou do carné de identidade.

Unha vez confirmada a praza por parte do Concello, as persoas inscritas deberán entregar unha copia do aboamento da cota de inscrición. No suposto de que a persoa inscrita necesite dalgún tratamento específico ou teña algunha doenza que se deba ter en conta, deberase proporcionar un xustificante médico asinado polo facultativo correspondente. No caso de alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo será importante notificalo no momento da inscrición. O prazo para formalizar as inscricións remata o próximo 31 de maio.

Se unha vez finalizado este prazo hai máis inscricións que prazas dispoñibles, procederase á realización dun sorteo público o 3 de xuño, ás 12.00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello. Neste sorteo terán preferencia aquelas mozas e mozos que non participaran nestes campamentos en edicións anteriores. Para máis información pódese consultar a páxina web www.dacoruna.gal/deportes da Deputación da Coruña ou contactar co Gabinete de Deportes da entidade a través do enderezo de correo electrónico campamentos.deportivos@dacoruna.gal.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925