Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Mindfulness...


O Mindfulness será o protagonista do obradoiro de competencias socioemocionais desta tarde

[15-05-2019] A Concellaría de Servizos Sociais e Igualdade de Ames organiza esta tarde, ás 18.00 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns, un novo taller dirixido ás mulleres amesás centrado no Mindfulness. Este taller enmárcase dentro dun programa de obradoiros de competencias socioemocionais enfocados no empoderamento feminino, para a adquisición de capacidades e habilidades socioemocionais que favorezan o seu crecemento persoal. Para participar nas actividades deste ciclo non é necesaria inscrición previa.

O Centro de Información da Muller (CIM) de Ames puxo en marcha no pasado mes de marzo unha serie de obradoiros destinados ao empoderamento das mulleres amesás. Así, o ciclo consta dun total de oito talleres que se irán alternando os mércores na Casa da Cultura de Bertamiráns, en horario de 18.00 a 20.00h, e os xoves no Pazo da Peregrina das 17.00 ás 19.00 horas. Durante os cinco talleres xa celebrados tratáronse temas como o autocoidado, a corporalidade e a atención plena, a disciplina positiva, a comunicación interpersoal ou a nutrición.

Esta tarde, pola súa banda, ten lugar un novo obradoiro no que o protagonista será o Mindfulness, unha filosofía que busca mellorar a calidade de vida das persoas mediante a meditación. O obxectivo desta práctica é alcanzar un profundo estado de conciencia a través da reflexión. A actividade desenvolvese a partir das 18.00h na Casa da Cultura de Bertamiráns. Para participar en calquera das sesións que conforman este ciclo non é necesaria inscrición previa, polo que a actividade está aberta a quen se anime a participar.

Ferramentas para o empoderamento das mulleres
O empoderamento consiste en que unha persoa adquira autoridade, influencia ou coñecemento para facer algo. Nun contexto no que as mulleres aínda sofren desigualdades en ámbitos como o laboral, o social ou o persoal, como son o teito de cristal ou a fenda salarial, convértese en esencial facilitarlles todas as ferramentas necesarias para o seu empoderamento, o que supón un paso máis cara a igualdade.

Así, unha muller empoderada é aquela que se coñece a si mesma, que vive a súa feminidade con liberdade, que rompeu as súas barreiras internas e conectou ca súa verdadeira esencia. Todo isto permítelle ter o control sobre a súa propia vida, alcanzar as súas metas, tomar decisións, manter relacións saudables, establecer límites firmes ante calquera tipo de desigualdade.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925