Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas O Campionato...


O Campionato Provincial de Xadrez Xogade 2019 remata coa vitoria do equipo de Bertamiráns na categoría alevín

[15-05-2019] O equipo alevín de xadrez de Bertamiráns acadou un novo triunfo coa súa vitoria no Campionato Provincial de Xadrez Xogade 2019, celebrado o sábado 4 de maio no Complexo Deportivo Elviña I da Coruña. O equipo amesá acadou un total de 12 puntos, fronte aos 4 conseguidos polos equipos de Carballo, Nemenciño de Santiago e Ferrol. O grupo adestrado por Alberto Dios chegou a este campionato despois de imporse na fase intercomarcal do campionato Xogade celebrada en Negreira o pasado 7 de abril. O Brétema fíxose co campionato nas categorías benxamín e infantil.

O equipo de xadrez formado por Hugo Domínguez, Noel Casares, Nicolás Amado, Pedro Varela e Xosé Asorey conseguiu un novo fito no deporte escolar de Ames ao proclamarse vencedor do Campionato Provincial de xadrez Xogade 2019 na categoría alevín. Durante o evento, que tivo lugar o 4 de maio no salón de actos do complexo deportivo Elviña I da Coruña, participaron as categorías benxamín, alevín e infantil.

Na categoría alevín enfrontáronse os equipos de Carballo, Ferrol, Nemenciño de Santiago e Bertamiráns. O torneo desenvolveuse a través de varias partidas nas que os catro equipos competiron entre si. Ao remate da quenda de partidas, procedeuse á suma dos puntos acadados por cada un dos grupos, nunha contabilización na que cada punto correspondeu a unha partida gañada. Así, o equipo de Bertamiráns acadou un total de 12 puntos, fronte aos 4 acadados tanto polo Carballo, como polo Nemenciño de Santiago e o Ferrol. Por outra banda, o Brétema alzouse como campión nas categorías benxamín e Infantil.

Dito campionato foi organizado polo Servizo de Deporte e A. C. Alexandre Bóveda ao abeiro da campaña de actividade lúdico-deportiva XOGADE. A través desta iniciativa, a Xunta de Galicia busca que os nenos e nenas practiquen e compitan con clubs e colexios de todo o territorio galego co obxectivo de fomentar e estender o deporte educativo e saudable entre os cativos/as. Nesta iniciativa teñen cabida actividades como baloncesto, fútbol sala, natación, xadrez, bádminton, judo, etc.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925