Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A Aula CeMIT de Ames...


A Aula CeMIT de Ames acolle un ciclo creativo, un de empregabilidade e varios cursos para adultos durante os meses de maio e xuño

[15-05-2019] A aula CeMIT de Ames, situada na Casa da Cultura de Bertamiráns, presenta a súa programación de cara aos meses de maio e xuño, con cursos para adultos, actividades para os/as máis cativos/as e varios exames EMA. Asemade, proseguirase cos cursos anunciados durante o mes de abril destinados aos adolescentes sobre edición de imaxes. Para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web do CeMIT, achegándose á propia aula, chamando ao número de teléfono 682 373 753 ou enviando un correo electrónico ao enderezo cemit.ames@xunta.gal.

A programación da aula CeMIT de Ames para os meses de maio e xuño inaugurouse cunha formación de seis horas dirixida aos menores amesás, centrada na edición de imaxes, mediante a que os adolescentes aprenderán a manexar os conceptos básicos de un editor de imaxes xenérico empregando coma base unha webapp, per sen esquecer outras ferramentas libres coma GIMP. Asemade, do 20 de maio ao 12 de xuño impartirase outro obradoiro de informática adicado a rapaces e rapazas maiores de oito anos que xa conten cunhas nocións básicas no uso do ordenador e queiran ampliar contidos. Ambos cursos terán lugar os luns e mércores, en horario 18.15 e 19.45 horas.

Ciclo creativo
Por outra banda, en maio impártese tamén un ciclo de tres cursos de iniciación orientados á creación de contidos. A primeira destas formacións, que está sendo impartida os martes e xoves, centrase na edición de imaxes con GIMP, un editor libre que supón unha alternativa ao Photoshop. A continuación estase a realizar un segundo curso, a través do que se guía aos participantes na creación dun blog.

O ciclo finalizará cun taller sobre deseño vectorial con Inskape do 21 ao 30 de maio, e que suporá unha introdución a este programa libre e gratuíto co obxectivo de deseñar e elaborar toda clase de carteis e debuxos vectoriais. Calquera destes cursos terán lugar os martes e xoves.

Ciclo de empregabilidade
Tamén se realizará un ciclo formado por dous cursos, enfocado a mellorar o nivel de empregabilidade dos participantes. Así, na primeira parte, que terá lugar o martes 28 e o mércores 29 de maio, veranse os diferentes tipos de currículos para entender cal se adapta mellor ás necesidades de cada un para, despois, ofrecer todo tipo de consellos e unha práctica de creación do CV.

A parte final desenvolverase o xoves 30, cunha xornada adicada á busca de emprego online a través de tódolos medios dispoñibles, como é o caso de boletíns, redes sociais ou páxinas de emprego. Todas as sesións deste ciclo impartiranse en horario de 10.30 a 12.00.

Cursos para adultos
Coa chegada de xuño, a Aula CeMIT organizará o obradoiro Traballando na nube, que se impartirá todos os martes e xoves, do 4 ao 20 de xuño, en horario de 10.30 a 12.00h. Durante este curso, os e as participantes verán conceptos básicos que os axudarán a entender a nube e practicarán os coñecementos adquiridos mediante as ferramentas aloxadas na nube de Google, como son Google Drive, procesador de textos, follas de cálculo, presentacións, ou formularios. Mediante distintas actividades, buscarase sacarlle proveito ás aplicacións da nube mediante a potenciación do traballo colaborativo e a sincronización automática entre diferentes dispositivos.

Asemade, os martes e xoves do día 4 ao 13 do mesmo mes, desenvolverase en horario de tarde o obradoiro Atopa na rede! Nesta formación, o obxectivo será achegarse aos buscadores de internet e conseguir sacarlles o maior rendemento posible mediante os seus filtros e operadores, senón tamén que os usuarios/as consigan empregar o propio buscador en tódolos servizos posibles. O curso impartirase en horario de 18.15 a 19.45 horas.

Exames EMA
Nos meses de maio e xuño tamén se realizarán exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Así, a primeira destas probas realizarase o venres, 24 de maio, de 12.00 a 13.00h, mentres que en xuño terá lugar o venres 14, en horario de 17.30 a 18.30 horas.

Tramitación das inscricións
Para participar en calquera das actividades é preciso matricularse con antelación. Así, para obter máis información ou para reservar praza en calquera destas actividades, as persoas interesadas pódeno facer a través da páxina web da CeMIT, achegándose á aula da Casa da Cultura de 10:00h a 13:00h e de 17:00 a 20:00h, chamando ao número de teléfono 682 373 753 no mesmo horario, ou enviando un correo ao enderezo electrónico cemit.ames@xunta.gal.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925