Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas A tradicional...


A tradicional romaría de San Isidro de Bugallido destaca na axenda desta fin de semana

[18-05-2019] A Asociación Cultural A Mahía e a Sociedade Agraria organizan este domingo, 19 de maio, a tradicional romaría de San Isidro de Bugallido. A festa, que conta coa colaboración do Concello de Ames, incluirá a celebración dunha misa cantada e dunha procesión, o tradicional xantar popular, unha mostra de xogos populares, inchables e un certame de baile e música tradicional. A romaría, que goza de moito arraigo nesta parroquia amesá, tamén acollerá a realización dun campionato de chave con premios para as tres mellores parellas do torneo, así como un obradoiro de pedra impartido polo escultor Juan Carlos Viqueira.

Bugallido celebra este domingo a súa tradicional romaría para conmemorar a San Isidro. A xornada comezará ás 12:00 horas, coa inauguración do mercado de produtos gastronómicos. Un pouco máis tarde, ás 12:30 horas, terá lugar unha misa cantada da man da Coral Polifónica de Bugallido. O grupo de gaitas Airiños do paseo de Colón será o encargado de guiar a procesión que terá lugar unha vez finalice a misa.

A continuación, arredor das 14:00 horas, dará comezo o xantar popular coa degustación de empanada e viño e coa celebración da XVI Degustación de callos. O xantar, que contará coa presencia da Pulpería Guerra, será dinamizado pola charanga Santa Compaña. A partir das 15:00 horas e ata as 17:00h, haberá inchables gratuítos para as máis pequenas e pequenos, así como unha mostra e obradoiro de xogos populares para as crianzas.

Outra das cita ineludibles desta romaría é o campionato de chave, que se desenvolverá a partir das 17:00 horas. Este torneo contará con premios para as tres mellores parellas: un premio de dous xamóns para a primeira clasificada, dúas botellas de mencía para a segunda e dous queixos para a terceira. Neste campionato poderán apuntarse todas aquelas veciñas e veciños que así o desexen.

Finalmente, ás 17:30 horas, realizarase o certame de baile e música tradicional, no que participarán o grupo de gaitas Os Castros, as pandereteiras de Bugallido, as pandereteiras da Costaneira e a Agrupación Paseo de Colón. Así mesmo, ao longo da xornada, haberá tamén un obradoiro de pedra a cargo do escultor Juan Carlos Viqueira. Durante este taller, o artista mostrará o seu saber facer na artesanía de pedra e mármore, ao tempo que desvelará as claves para elaborar obxectos tan arraigados na cultura galega como cruceiros, reloxos de sol, fontes ou escudos, entre outros.

Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925