Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias


Noticias

O xurado do Festival Cinema Crianza estará conformado por Araceli Gonda, Nico Campos e Amalia Mato

[23-11-2017] O Festival Internacional de Cinema Infantil, Cinema Crianza, terá lugar no Concello de Ames do 15 ao 17 de decembro. As 56 pezas seleccionadas, entre as preto de 2.500 propostas presentadas, mostrarán viaxes sorprendentes que espertarán nas cativas e cativos a vontade de explorar a realidade. Araceli Gonda, Nico Campos e Amalia Mato, tres recoñecidas e premiadas personalidades do audiovisual galego, conformarán o xurado deste festival, que se desenvolverá nas Casas da Cultura de Milladoiro e Bertamiráns.

Os aspectos fiscais e xudiciais do traballo autónomo centran o último dos obradoiros de novembro do programa Vives Emprende

[23-11-2017] Este xoves, día 23, terá lugar o último dos obradoiros de novembro encadrado dentro do programa Vives Emprende, que está organizado polo Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica e en colaboración coa ONG Acción contra a Fame. Centrado nos aspectos fiscais, xudiciais e laborais do traballo autónomo, o obradoiro desenvolverase no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames, en Aldea Nova, entre as 16:00 e as 20:00 horas. Alén deste, o programa Vives Emprende incluíu en novembro a realización de dous obradoiros centrados, respectivamente, no marketing e nos estudos de mercado e nas vendas na internet. Para participar dos obradoiros do Vives Emprende é preciso inscribirse previamente a través do número de teléfono do departamento de Promoción Económica, o 981 883 002, do número da asociación Acción contra a Fame, o 689 869 465, ou do enderezo de correo electrónico mlloves@accioncontraelhambre.org.

O Concello de Ames convida á veciñanza amesá a participar dos actos programados polo 25N

[23-11-2017] O concello de Ames continúa cos actos de conmemoración do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, prestándolle especial atención ás xeracións máis novas. Deste xeito, os actos centrais de mañá celebraranse nos centros de ensino secundario amesáns. Ás 13:00 horas, tamén terá lugar un acto institucional na Praza do Concello de Bertamiráns, no que se lerá un manifesto, procederase ao reparto de material e farase unha apertura simbólica de paraugas para tinguir a praza de negro. O Concello convida á veciñanza a sumarse a este acto reivindico e a colgar das súas xanelas cartaces ou pezas de roupa negra, que mostren o seu rexeitamento ás violencias machistas.

O sábado 25 de novembro terá lugar unha mesa redonda sobre o control e loita contra a avespa velutina na Casa da Cultura do Milladoiro

[22-11-2017] A celebración desta mesa redonda encádrase dentro da I Xornada Cultural FEDERAMES, organizada pola Federación de Asociacións do Rural de Ames. Nela participarán Laura García, asesora xurídica da Asociación Galega de Apicultura; Jesús Orejas, xefe do servizo de Sanidade Animal da Consellaría de Medio Rural; Elisa Gago, xefa do Servizo de Conservación da Biodiversidade da Consellaría de Medio Ambiente; Diego Sánchez, apicultor e membro do Sindicato Labrego Galego; e Xulio Maside, profesor da facultade de Bioloxía e investigador na Universidade de Santiago de Compostela. A mesa redonda sobre o control e loita contra a avespa velutina desenvolverase este sábado 25 de novembro, a partir das 19:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. A entrada é libre ata completar aforo.

Aberto o prazo de inscrición para o obradoiro “Fálame moito e ben” do programa Apego

[22-11-2017] Dirixido a familias con crianzas entre os 0 e os 6 anos ou a futuras mamás e papas, o obradoiro Fálame moito e ben - que está destinado a un público adulto -, terá lugar o vindeiro xoves, 30 de novembro, ás 18:00h, no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Esta actividade, encadrada dentro do programa Apego do Concello de Ames, consiste nunha charla-obradoiro na que se abordarán cuestións como a estimulación e o proceso de adquisición da linguaxe, tamén cando conviven dúas linguas, e a evolución comunicativa das crianzas. Para participar é preciso inscribirse a través do enderezo de correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal, indicando o nome e idade das fillas ou fillos das persoas participantes e un teléfono de contacto. O prazo de inscrición remata o 28 de novembro. A actividade é gratuíta.


Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925