Ayuntamiento de Ames

Menú [Saltar]

Ayuntamiento de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames digital Noticias


Noticias

Ames énchese literatura no mes das Letras

[15-05-2019] O Concello de Ames prepárase para celebrar as Letras Galegas, que nesta edición están dedicadas ao profesor e historiador Antón Fraguas. A Concellaría de Normalización Lingüística e Comunicación organiza un acto literario-musical este xoves, 16 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro. O evento comezará ás 20.00 horas, e incluirá as actuacións musicais do Coro Son Elas e do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, así como a entrega de premios do XVI Certame Literario Concello de Ames de narrativa e poesía e do XI Certame Artístico-Literario Intercentros. A entrada será libre e gratuíta ata completar aforo.

Experimenta un verán cargado de deporte e cultura a través dos campamentos deportivos organizados pola Deputación da Coruña

[14-05-2019] Un ano máis, a Deputación da Coruña organiza unha nova edición do seu programa de campamentos deportivos destinado as nenas e nenos dos concellos da provincia. Ao abeiro desta iniciativa, un total de 10 mozas e mozos de Ames de 9 a 14 anos participarán nunha destas estadías entre o 21 e o 26 de xullo, que se desenvolverá no centro Calvo Sotelo da Coruña. As persoas interesadas nesta actividade, que ten un custo de 85 euros, deberán formalizar a súa inscrición no Rexistro Xeral do Concello antes do vindeiro 31 de maio. Premendo nos enlaces que están a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter un folleto informativo no que se inclúe o impreso de solicitude de inscrición.

Preto de 110 persoas participaron na saída da ruta rosaliana organizada polos concellos de Ames, Brión e Padrón

[14-05-2019] O pasado sábado, 11 de maio, preto de 110 persoas visitaron os lugares emblemáticos da vida e do legado literario de Rosalía de Castro. A saída, que foi organizada polos concellos de Ames, Brión e Padrón, seguiu o itinerario deseñado polo intelectual Avelino Abuín de Tembra, recentemente recuperado dentro do proxecto común “As Pegadas de Rosalía”. Ao longo do desenvolvemento da actividade, as persoas asistentes visitaron lugares tais como o Panteón de Galegos Ilustres, a casa paterna na Tarroeira en Ortoño, a Igrexa de Bastavales ou a Casa Museo Rosalía de Castro en Padrón.

O IES do Milladoiro acolle mañá unha xornada aberta sobre prevención de condutas aditivas na mocidade

[14-05-2019] A Concellaría de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade organiza este mércores, 15 de maio, unha xornada de prevención de condutas aditivas e promoción da saúde na adolescencia. O evento, que terá lugar no salón de actos do IES do Milladoiro, estará aberto a todos/as os/as membros da comunidade educativa amesá. O obxectivo desta iniciativa será ofrecer aos asistentes información profesional sobre os distintos tipos de adiccións da man de varios especialistas, así como analizar os resultados acadados no estudo sobre Condutas aditivas e convivencia na mocidade amesá realizado pola USC no concello. Mediante esta xornada, buscase reforzar o traballo realizado nos últimos tres anos ao abeiro do programa de prevención de condutas aditivas e educación afectivo sexual no ámbito escolar.

O Club Voleibol Bruxas queda subcampión na fase de ascenso a primeira división feminina

[13-05-2019] As rapazas do equipo feminino do Vitaldent Santiago CV Bruxas quedaron subcampioas na fase de ascenso a primeira división feminina, disputada esta pasada fin de semana na cidade de Haro, na Rioxa. O equipo amesán perdeu no tie break por 13-15 ante o equipo da Universidade de León. Na fase de grupos o Vitaldent Santiago CV Bruxas quedou en primeira posición con 5 puntos. En semifinais gañoulle por 3 sets a 0 ao D,Elhuyar Logroño Setem Rioja. O equipo de Ames fixo un gran torneo xa que era a primeira vez que xogaba a fase de ascenso á máxima categoría nacional.


Aviso legal | Accesibilidad | RSS

© Ayuntamiento de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925