Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

A nova poboación de Ames quere falar galego

[04-10-2006] Case o dobre. Eran moitas máis as solicitudes que o número de prazas dispoñibles no curso de iniciación ao galego que organiza a Concellaría de Cultura a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello. A solucción foi solicitar á Secretaría Xeral de Política Lingüística un segundo curso no que dar cabida ás 31 persoas que quedaron como suplentes. A petición foi atendida de inmediato, tanto que as clases comezan hoxe, só dous días despois de que iniciara o curso o primeiro grupo. Persoas procedentes das máis diversas nacionalidades ocupan a aula. Unha mostra máis das intencións de integración da nova cidadanía amiense.

200 veciños participaron nas reunións informativas sobre o lume

[04-10-2006] Dar conta das subvencións convocadas para compensar as perdas provocadas polo lume, informar sobre o novo decreto de prevención e sobre as liñas concretas de traballo que ten previstas Ames foron os obxectivos básicos das reunións informativas que desde o venres pasado mantiveron o Concello e os propietarios dos montes. A remediación e reforestación das zonas de maior risco de erosión, a promoción do asociacionismo forestal e a creación dos perímetros de seguridade nas zonas habitadas foron algunhas das liñas de actuación que se marcaron nestas xuntanzas.

Educación programa un curso de sicomotricidade para nenos e nenas de catro anos

[03-10-2006] Facilitar e acompañar a maduración psicolóxica, traballar a expresividade motriz, desenvolver as potencialidades expresivas individuais e, en definitiva, apoiar os procesos evolutivos da infancia a través da acción, os xogos e as representacións, son os obxectivos básicos do Curso de psicomotricidade educativa e preventiva que a Concellaría de Educación poñerá en marcha a partir do mes de novembro e ata o mes de xuño de 2007 para nenos e nenas de catro anos. A actividade desenvolverase no CEIP de Bertamiráns os xoves ás 16:30 e no Polideportivo do Milladoiro os mércores ás 18:00 horas. Hai 24 prazas e a preinscrición xa está aberta.

Os concellos da comarca danlle o pistoletazo de saída ao Transporte Metropolitano

[03-10-2006] Os preto de 150.000 habitantes dos concellos de Santiago, Ames, Boqueixón, Brión, Oroso, Teo, Val do Dubra e Vedra dispoñen desde hoxe dun servizo de Transporte Metropolitano que contempla, como vantaxes máis significativas, a bonificación do billete que ten que pagar o usuario e a implantación de novos itinerarios e paradas. Ames achegará 1.200.000 viaxeiros anuais a este programa de transporte en común que será operativo ao cento por cento a semana que vén. Onte á mañá, a conselleira de Política Territorial, María José Caride, e os alcaldes presentaron a infraestrutura e as novas tarxetas moedeiro que xa se poden adquirir en Caixa Galicia.

Iníciase a terceira fase do EQUAL-Compostela Social

[03-10-2006] O programa EQUAL é unha iniciativa comunitaria do Fondo Social Europeo coa que se persegue que os colectivos con máis dificultades para acceder ao mundo laboral poidan chegar a crear a súa propia empresa. Mozos, parados de longa duración, mulleres, inmigrantes e emigrantes retornados son os beneficiarios deste programa deseñado para fomentar o espírito empresarial mediante servizos de asesoramento e acompañamento das iniciativas emprendedoras. Os concellos da comarca comparten desde o ano pasado a xestión deste proxecto, que se desenvolveu en tres fases formativas. Para poder entrar na terceira e última haberá que inscribirse antes do 11 de outubro.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925