Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

A Escola de Verán do Milladoiro ponse a cociñar

[31-08-2006] Empanadas, filloas, pementos de Padrón e ata alfajores arxentinos foron cociñados e posteriormente degustados polos nenos e as nenas da Escola de Verán do Milladoiro. A actividade tivo lugar no marco do obradoiro de cociña que regularmente realiza esta escola ao longo dos meses de verán.

400 amienses aprenderon a nadar este verán

[31-08-2006] Clausuráronse os cursos de natación que se realizaron nas piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro durante os meses de verán. Durante a mañá do xoves púxose fin aos dous meses de aprendizaxe e desenvolvemento no medio acuático dos que gozaron os case 400 amienses que decidiron participar neste deporte. A actividade organizouna a Concellaría de Cultura e Deportes e fixo posible que persoas con idades comprendidas entre os 3 e os 65 anos puidesen aprender a nadar.

Entra en vigor a Ordenanza de impulso do uso do galego no Concello de Ames

[31-08-2006] A Ordenanza de impulso do uso do galego no Concello de Ames entra en vigor despois de non se ter presentado ningunha reclamación tras ser anunciado o acordo de aprobación provisional no Boletín Oficial da Provincia. O texto dálle pulo ao emprego da lingua galega tanto nas relacións institucionais como nas relacións coa cidadanía co obxectivo de que a institución municipal se converta en motor de normalización para o Concello, en particular, e para o resto da sociedade, en xeral.

O campo da festa da Ameixenda estrea valado

[31-08-2006] O valado do campo da festa de Ameixenda foi rehabilitado logo de que se derrumbase debido ás últimas chuvias do inverno. A auga que caeu abrandou a terra e fixo que o conxunto acabase por desfacerse. A remodelación súmase ás actuacións que a Concellaría de Planificación de Infraestruturas, Obras Públicas e Desenvolvemento parroquial xa desenvolveu no mesmo lugar. Esta obra ten como obxectivo reforzar e acondicionar o acceso á zona.

Desratización en Aldea Nova

[30-08-2006] Desde a Concellaría de Servizos Básicos, Parques e Xardíns prevese que a presenza das ratas que se achegaron á urbanización Aldea Nova con motivo dos lumes comece a minguar desde que a empresa SANAL se encargou de colocar sacos de veleno para ratos en diversos puntos da zona. Segundo o concelleiro, Rudy Lamas, efectuarase un control a mediados de setembro co obxecto de comprobar que remite esta situación. O concelleiro confirmou tamén que os labores de desratización comezaron a pasada semana e remataron onte martes.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925