Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

O proxecto Amorodo realiza a súa primeira viaxe formativa

[26-07-2006] Puntos de comercialización de produtos agropecuarios da zona da Coruña e Ferrol serán visitados a través dunha viaxe que organiza o proxecto Amorodo para este sábado. Esta é a primeira das saídas formativas que este programa de agricultura sostible ten previsto realizar co obxectivo de analizar e estudar sobre o terreo diversas empresas que traballan con criterios de produción sustentable. Durante os meses de agosto e setembro, realizaranse outras visitas a explotacións e ecomercados de distintas zonas de Galicia.

A Festa da Mocidade ofrece este ano múltiples novidades

[23-07-2006] Practicar tiro con arco, facer puenting, rapell e escalada, montar en quads e esquiar dentro dunha carpa chea de neve son algunhas das novidades que ofrece a III Festa da Mocidade que se desenvolverá no Milladoiro so días 29 e 30 de xullo. Organizada pola Concellaría de Mocidade e subvencionada pola Xunta de Galicia, a festa propón tamén unha Olimpíada Xuvenil e crea o Pasaporte III Festa da Mocidade, que inclúe toda a información sobre os lugares e horarios das distintas actividades e ofrece aos mozos e as mozas participantes a posibilidade de obter múltiples agasallos.

Ames, sempre Galicia

[21-07-2006] O acto institucional co gallo do Día Nacional de Galicia vaise desenvolver hoxe venres, 21 de xullo, no Pazo da Peregrina. De novo será un encontro sinxelo e aberto a todos os veciños e veciñas de Ames no que intervirán todos os grupos que forman parte da Corporación Municipal. Porén, o Concello preparou unha campaña de distribución de case 10.000 bandeiras co lema "Ames, sempre Galicia" para que a xente engalane con elas as súas fiestras.

¿Como soa unha gaita?

[20-07-2006] ¿De que partes se compón este instrumento musical? ¿Con que outros instrumentos se fai música en Galicia? Estas son algunhas das cuestións que onte se trataron na Escola de Verán do Milladoiro. Un gaiteiro axudoulles aos nenos e as nenas a identificar distintos sons galegos e explicoulles algúns dos misterios do noso instrumento máis emblemático. Hoxe a páxina web do Concello será protagonista da xornada de achegamento ás novas tecnoloxías que se vai levar a cabo nesta mesma escola.

Xuntos pola integración

[20-07-2006] A Asociación de Discapacitados Intelectuais Arcea Adames organiza, co patrocinio de Air Berlín e a colaboración da Consellería de Vicepresidencia da Igualdade e o Benestar Social e as Concellarías de Servizos Sociais e Educación de Ames, o concurso A Ceo Aberto. Este concurso ten como obxectivo promover a ruptura das barreiras á hora de viaxar. No transcurso da presentación que tivo lugar esta mañá na Fundación Aragüaney, os asistentes destacaron os beneficios que pode achegar a implicación conxunta de organismos públicos, asociacións cidadáns e empresas privadas á hora de afrontar este tipo de iniciativas.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925