Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

54.000 euros para axudas ás Comisións Parroquiais e Veciñais

[28-10-2005] O Concello de Ames aprobou recentemente unha liña de subvencións destinadas á construción e á mellora de infraestruturas municipais. As comisións veciñais ou parroquiais que desexen realizar obras de reparación de camiños, abastecemento de augas, saneamentos ou calquera tipo de equipamentos de interese xeral poden acceder a estas axudas sempre que representen cando menos a unha entidade de poboación ou lugar.

O equipo de goberno preséntalle á delegada provincial de Presidencia os seus proxectos

[28-10-2005] Esther González Saavedra é a nova delegada provincial da Consellaría de Presidencia, Administracións públicas e Xustiza. O xoves estivo en Ames para manter unha reunión de traballo co alcalde e con varios membros do equipo de goberno. Nela os responsables municipais achegáronlle á delegada os principais proxectos e necesidades que ten o Concello en materia de espazo para a instalación dos seus servizos.

O Pleno aproba hoxe investimentos por valor de 1.200.000 euros

[27-10-2005] Esta tarde volve haber Pleno en Ames. A orde do día céntrase en aprobar as obras que se presentarán ao Plan de Investimentos Locais e ao Plan de Obras e Servizos do 2006. Ámbolos programas están finanzados pola Deputación da Coruña, que achegará arredor de 875.000 euros en subvencións. O Concello deberá aportar os 325.000 restantes con aportacións propias ou ben por medio de axudas procedentes doutras administracións. As infraestruturas que se van levar adiante son na súa maioría ampliacións de redes de abastecemento e saneamento, anque tamén se inclúe a mellora da travesía de Tarrío. En calquera caso, desde o Concello sinálase que estas obras atenden a dous criterios primordiais: mellorar os servizos básicos e garantir un reparto igualitario destas infraestruturas dentro do territorio do concello.

A Aula da Natureza inspeccionará varios tramos do río Tambre

[27-10-2005] 21 cativos e cativas de tres a doce anos e catro monitores da Aula da Natureza inspeccionarán varios tramos do río Tambre na mañá do luns 31 de outubro. Os rapaces recollerán mostras e analizarán a auga, a fauna e a flora do río e das ribeiras no tramo que vai desde a praia fluvial de Tapia ata a parroquia de Lens. A actividade enmárcase dentro do Proxecto Ríos co que colabora desde o mes de marzo a Aula da Natureza de Ames. Os resultados obtidos na inspección do sábado serán expostos no Encontro Anual do Voluntariado do Proxecto Ríos que se celebrará na Casa de Cultura de Bertamiráns o día 26 de novembro.

Máis de 250 inscritos para a carreira pedestre, e a cifra segue subindo

[27-10-2005] A tres días para que se dea a saída da sexta edición da Carreira Pedestre Popular de Ames xa son máis de 250 os atletas que están apuntados. Na súa maioría son deportistas procedentes do propio concello, aínda que tamén os hai de clubes de fóra e mesmo doutras comunidades. A concellaría de Deportes prevé que antes de mañá ás dúas da tarde -hora na que se pecha oficialmente o prazo de inscrición- se chegue á cifra de 500 participantes. De feito, o teléfono, o fax e o correo electrónico deste departamento están recibindo peticións case a cada minuto.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925