Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

A Concellaría de Educación e a Asociación Follas Novas de Ames recuperan a tradición do Samaín

[04-11-2005] Os nenos de seis a doce anos do Concello de Ames poderán afondar na festa do Samaín a través do traballo que sobre esta tradición elaborou a Concellaría de Educación en colaboración coa Asociación Cultural Follas Novas. A profesora María Xesús Pena creou seis unidades didácticas para cada un dos cursos de primaria. Os contos, as adiviñas, os problemas matemáticos, os xogos de palabras, os poemas, os debuxos para colorear e o resto das propostas de traballo que se recollen nestes cadernos teñen como protagonista principal á cabaza, o símbolo máis importante desta festa de tradición celta. Con este traballo de recuperación e difusión do Samaín, Ames dá un paso máis no asentamento dos sinais de identidade propia fronte aos costumes alleos impostos pola globalización.

Esta tarde quedará restablecido o sinal de televisión en Agrón

[04-11-2005] Varios lugares de Agrón permanecen sen televisión desde antonte, logo de que o temporal tirara abaixo a torreta de reemisores situada no campo de fútbol desta parroquia. O Concello e maila empresa encargada do mantemento dos repetidores decidiron como solución de urxencia a colocación dun soporte provisorio así como a reposición dos paneis estragados. Espérase que a última hora da tarde de hoxe o servizo estea restablecido agás nos lugares de Gasamáns e do Galiñeiro. O mal tempo tamén deixou a zona sen cobertura de internet sen fíos.

Luz verde ao proxecto de urbanización do sector "Alto do Vento"

[03-11-2005] Na última Xunta de Goberno local o Concello avanzou en dous trámites de cara á urbanización do sector denominado "Alto do Vento". En primeiro lugar aprobouse a escritura de constitución da xunta de compensación da que forman parte a empresa promotora, outros propietarios e mailo alcalde en representación do Concello. A continuación tamén se lle deu o visto e prace ao proxecto inicial de urbanización destes terreos situados no lugar de Ventosa, pertencente á parroquia de Cobas.

Un emprendedor da Confederación Galega de Minusválidos presentará o Programa EQUAL no Milladoiro

[03-11-2005] Un membro de COGAMI, Asociación Galega de Minusválidos, narrará a súa experiencia como emprendedor laboral na presentación do programa EQUAL que se celebrará o luns, día 7 de novembro, no salón de actos da Casa da Cultura do Milladoiro ás 20 horas. A presentación está orientada a informar, difundir e captar posibles beneficiarios do programa EQUAL "Compostela Social". O programa ten como finalidade o fomento da cultura emprendedora, especialmente entre aqueles grupos con maior risco de exclusión laboral. O alcalde de Ames, Carlos Fernández, a concelleira de Desenvolvemento Local, Turismo e Emprego, Obdulia Vila e técnicos do programa participarán tamén na presentación.

Medio Ambiente programa unha saída ao monte para identificar cogomelos

[02-11-2005] Saber que fungos son comestibles e cales poden causar danos irreparables na nosa saúde é un dos obxectivos que a Aula da Natureza se propón coa actividade de recollida e identificación de exemplares de cogomelos que terá lugar o sábado cinco de novembro. Esta excursión educativa servirá para poñer remate a actividade "Achégate aos cogomelos" que esta semana programa charlas-coloquios sobre este produto de outono. A primeira das charlas terá lugar o xoves 3 na Casa de Cultura do Milladoiro.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925