Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

Os rapaces achéganse á arte contemporánea

[14-02-2006] Os colexios de Ames iniciaron esta mañá unha serie de visitas ao Pazo da Peregrina para gozar da exposición "Contexturas", realizada polo artista plástico P Palomar. Case 400 rapaces e rapazas dos centros educativos observarán ata o venres os cadros elaborados con material de refugallo polo autor que, ademais, é o seu guía durante a visita. A exposición estará aberta ata o 25 de febreiro.

Ampla participación na I Duatlón Popular Concello de Ames

[13-02-2006] O bo tempo favoreceu a participación masiva na I Duatlón Popular Concello de Ames que, organizada pola Concellaría de Cultura e Deportes, congregou a 223 deportistas entre afeccionados e federados. Antón Ruanova do club Bricosa conseguiu o primeiro posto na categoría senior de deportistas federados, mentres que Luis Calvo gañou esta mesma categoría na modalidade de afeccionados.

Un obradoiro achegaralles aos inmigrantes e aos retornados a nosa cultura e a nosa lingua

[13-02-2006] Facilitarlles a integración na sociedade galega e amiense aos inmigrantes e emigrantes retornados/as é o obxectivo fundamental do Obradoiro de Lingua e Cultura que organiza a Concellaría de Cultura a través do Servizo de Normalización Lingüística e que se desenvolverá en Ames desde o 1 de marzo ata o 3 de abril. O prazo de inscrición está aberto ata o día 25 de febreiro.

Comeza a fase de implicación veciñal no portal web Amescidadan

[12-02-2006] Este sábado presentouse na casa da Cultura de Bertamiráns a proposta de contidos do portal Amescidadan, un contorno web que servirá para que as distintas entidades do concello creen e manteñan no mesma páxina cadanseu oco en internet. O Concello iniciou deste xeito a fase de información sobre o proxecto no que se quere implicar a toda a rede asociativa municipal. A parte tecnolóxica da web xa está practicamente lista e o departamento de Comunicación Social ten previsto levar adiante a formación sobre o seu uso e sobre como redactar os contidos do portal.

Comeza o obradoiro de cultura exipcia en Trasmonte

[10-02-2006] Unhas corenta persoas participan no obradoiro Exipto, o Agasallo do Nilo, un obradoiro organizado pola Aula da Natureza, dependente da Concellaría de Medio Ambiente, que comeza este sábado na Escola Unitaria de Trasmonte. Neste primeiro día os participantes coñecerán como naceu a cultura ao redor do Nilo. Ademais cada un dos participantes construirá o colar e o brazalete de abelorios para o disfrace co que participarán no desfile de Entroido e, entre todos, comezarán a facer os planos para a pirámide que levará a comparsa.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925