Concello de Ames

Menú [Saltar]

Concello de Ames

[http://www.concellodeames.org]


Inicio Ames dixital Novas


Novas

A Policía Local de Ames dá conta das actuacións realizadas en febreiro e colabora na campaña de control do uso do cinto de seguridade

[15-03-2017] Durante o pasado mes de febreiro os axentes da Policía Local realizaron diversas actuacións en prol da seguridade viaria, asistiron a condutores en accidentes, atenderon diversas incidencias por mor do temporal, participaron en controis de alcoholemia, etc. Ademais, ao longo desta semana están participando nunha campaña de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz.

O Concello de Ames ofrece obradoiros gratuítos para aprender a crear e a subir vídeos a Youtube dentro do concurso Youtubeir@s

[14-03-2017] As concellarías de Mocidade e Normalización Lingüística poñen en marcha uns obradoiros formativos de vídeo creación para participar no programa Youtubeir@s. As persoas maiores de 14 anos poderán inscribirse nestas xornadas ata o 24 de marzo. Haberá dúas partes: unha o 31 de marzo e outra o 7 e abril. Desenvolveranse nas aulas de informática das Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro. Estes obradoiros formativos terán unha duración de 3 horas presencias e unha semana de seguimento en liña entre a primeira e a segunda sesión. Para inscribirse hai que enviar un correo ao enderezo normalizacion@concellodemaes.gal indicando nome, apelidos, idade, teléfono de contacto, e localidade escollida para realizar o obradoiro.

Comeza o programa “Falemos de saúde” cunha charla sobre as disfuncións do solo pélvico

[14-03-2017] O Concello de Ames pon en marcha o programa Falemos de saúde, que foi presentado o pasado mércores, 8 de marzo, no acto municipal de conmemoración do Día das Mulleres. A primeira charla impartirase mañá, mércores 15 de marzo, ás 17:30 horas, no local do club de xubilados e pensionistas do Milladoiro (situado na rúa Figueiras). A fisioterapeuta Cristina del Arco falará das disfunción do solo pélvico. Este programa está composto por un total de 12 charlas-obradoiros que se desenvolverán ata final de ano.

O goberno municipal recepciona o viario da rúa do Muíño Vello que permite dispor dun novo acceso pola parte traseira do IES de Milladoiro

[14-03-2017] O alcalde de Ames, José Miñones, e mailo concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos, Blas García, visitaron o novo viario da rúa Muíño Vello que acaba de ser recepcionado por parte do Concello. O acondicionamento desta vía permitiu habilitar un novo punto de acceso para o alumnado, o transporte escolar e efectivos de emerxencias ao IES do Milladoiro. Dende a súa apertura este instituto só dispoñía dun único acceso pola Travesía do Porto. Ao mesmo tempo conectouse o instituto á rede de saneamento pública. A apertura deste viario tamén permite dispoñer dun novo acceso ao polígono Novo Milladoiro dende a estrada de Ventín.

Javier Busto e Isabel Picoaga gañaron a segunda proba do circuíto Transgalaica disputada no concello de Ames

[13-03-2017] O concello de Ames acolleu este domingo, 12 de marzo, a segunda proba do circuíto Transgalaica. Esta proba deportiva estivo organizada polo Club de ciclismo amesán os Esfola Arrós e contou coa colaboración do Concello de Ames. A saída e maila meta estiveron instaladas diante do Pazo da Peregrina de Bertamiráns. Nesta proba participaron máis de 400 ciclistas. Na categoría masculina de máster 30 gañou Javier Busto do Extol-La Gramola Team, mentres na categoría feminina elite a campioa foi Isabel Picoaga do club de ciclismo 7Voltas.


Aviso legal | Accesibilidade | RSS

© Concello de Ames
Praza do Concello, 2, Bertamiráns. Tel: 981 883 002 - Fax: 981 883 925