A previsión do incremento de desprazamentos interurbanos co inicio da desescalada prevista para as vindeiras xornadas requerirá dun reforzo no transporte metropolitano na área de Santiago. Ante esta situación, o Concello de Ames remitirá unha carta á Dirección Xeral de Mobilidade pedindo información ao respecto, ademais de reclamar un maior contacto coa Xunta de Galicia en relación ás modificacións das liñas e sobre o procedemento de licitación dos novos contratos. Tamén demandará o reembolso dos cartos xa retirados das contas de bonificación por viaxe dos mozos e mozas que non puideron utilizar o transporte durante o estado de alarma. En relación á liquidación que o Concello debe aboar pola prestación do servizo, enténdese que será moito menor ao do resto das anualidades e pedirá unha reformulación a curto prazo que permita derivar cartos a outras necesidades emerxentes.
O Concello de Ames leva informando puntualmente á cidadanía a través da páxina web municipal dos horarios de cada unha das liñas que prestan servizos no municipio. A información recabada resulta das chamadas que a propia administración local está realizando ás empresas de transporte, non tendo de todas elas resposta. A páxina web do transporte metropolitano non actualiza a información e desde a Dirección Xeral de Mobilidade estase a derivar esta ás propias compañías, un feito que sorprende no Concello ao entender que a propia Xunta de Galicia é a responsable do contrato e que dificulta sobremaneira a transparencia da información demandada pola veciñanza. Para a cidadanía resulta de moito interese coñecer estes horarios, xa que son moitos os veciños e veciñas de Ames que se teñen que desprazar a traballar diariamente a Santiago.
O Goberno amesán reclama maior contacto co ente autonómico, xa que no mes e medio que dura o confinamento non se recibiu ningún tipo de información, nin sobre as modificacións nas liñas, nin sobre o procedemento de licitación dos novos contratos, chegando a coñecer a recente suspensión do procedemento de licitación polos medios de prensa. Sinálase, ademáis, que a pesares de ser parte implicada no servizo destes novos contratos, desde a Consellería de Infraestruturas non se lle notificou do inicio deste procedemento de contratación en pleno estado de alarma e que agora o propio tribunal de contratación paraliza cautelarmente.
Planificación para a desescalada
Na actualidade, o Concello de Ames tampouco coñece a planificación da Consellería sobre o transporte de cara ás vindeiras semanas e diferentes fases previstas. Na carta que se lle enviará mañá luns a Mobilidade, a administración local demandará información sobre se hai previsión de incrementar as frecuencias nas diferentes liñas ou se haberá novas medidas de hixiene no transporte. Igualmente, solicitarase a publicación de todos os horarios na páxina web de bus.gal, así como información detallada con respecto ao que a administración autonómica ten pensado facer coa caducidade dos reembolsos pendentes que neste período non puideron ser utilizados no caso das tarxetas de miles de mozos e mozas confinados nas súas vivendas.
Mocidade
Desde o Concello de Ames lémbrase que o sistema actual de transporte para a mocidade bonifica as viaxes en base ao seu uso e que, debido ao estado de alarma durante estes dous meses, non se pudo facer uso das mesmas. Así, os cartos acumulados foron caducando en moitos casos, mais si cabe tendo en conta que os desprazamentos seguirán sendo prácticamente nulos durante varias semanas máis. Ames é o concello máis afectado ao ser o de maior número de mozos e mozas da área de Santiago, feito polo que se pedirá o reembolso deses cartos xa retirados das contas e unha prórroga de uso ata finais de ano para os reembolsos.
Reformulación da liquidación
Por último, outro dos asuntos que se trasladarán será o referente á liquidación que desde o Concello se debe aboar pola prestación do servizo. A administración local entende que será moito menor ao do resto das anualidades con motivo da redución de viaxes. Desde o Concello non se coñece cal será a liña de actuación da Xunta neste asunto, polo que se pedirá unha reformulación a curto prazo que permita derivar cartos a outras necesidades emerxentes da administración local, como consecuencia da crise económica actual.