Solapas principales

Este sábado, 20 de xuño, volve abrir o mercado de rúa de Ames

Viernes, 19 de junio de 2020

A concelleira de Promoción Económica e Emprego, Ana Belén Paz, e persoal municipal de dito departamento, mantiveron esta mañá unha xuntanza con dous representantes dos vendedores ambulantes que instalan postos de venda no mercado de rúa, en Bertamiráns. En dito encontro falouse dos últimos detalles para a reapertura do mercadiño, que se producirá mañá sábado 20 de xuño. Os postos do mercado de rúa instalaranse de xeito temporal na rúa do Sar, situada detrás da escola infantil da Rede da Galiza Azul, unha zona próxima ao paseo fluvial e que permite manter a distancia de seguridade entres os distintos postos.

Ao longo desta semana o Concello de Ames, a través do persoal do departamento de Promoción Económica e da Brigada municipal de Obras, estivo acondicionando a rúa do Sar, onde a partir de mañá, e de xeito temporal, se instalarán os postos do mercado e rúa de Bertamiráns. Esta medida temporal perdurará ata que as normas sanitarias permitan volver a celebrar o mercado nas rúas Ameneiral e Entrerrios.

Optouse por trasladar o mercado de rúa, que se realiza na contorna da praza do Concello, debido á imposibilidade de cumprir as normas sanitarias actuais nas rúas Ameneiral e Entrerrios ao tratarse de rúas estreitas e non poder cumprir co distanciamento social obrigatorio. Deste xeito o mercado situarase na rúa do Sar que se atopa na zona próxima ao paseo fluvial, e moi preto das rúas propias do mercado. Esta é a estrada que está por detrás da escola infantil da Rede da Galiña Azul de Bertamiráns. Esta nova ubicación será temporal. Deste xeito, garántese que poidan montarse o 100% dos postos que participaban no mercado de rúa e que entre cada posto haxa unha distancia mínima de 1,5 metros de separación.

Deste xeito, o mercado de rúa reabrirase na rúa do Sar, con dous carrís de circulación para as persoas que acudan ao mercadiño e con postos en ambos lados da rúa. Para iso estívose pintando na calzada os lugares onde se terán que instalar os diferentes postos e mailos carrís de circulación para as persoas que acudan ao mercado.

Haberá persoal da Agrupación de Protección Civil á entrada e saída da zona do mercadiño para controlar en todo momento o aforo. Tamén na zona de entrada e saída do mercado haberá dispensadores de hidroxel, para que as persoas que entren na zona do mercado o apliquen nas mans antes de entrar.

Ademais, cortarase ao tráfico un carril na intersección da rúa Pesqueiras coa rúa Entrerrios, ata a escola infantil da Galiña azul, para habilitar unha zona de estacionamento para os vehículos. Este carril estará cortado ao tráfico en horario de 15.30 a 21.00 horas.

Normas para acceder ao mercadiño
As persoas que queiran acudir ao mercado de rúa de Ames deberán manter unha distancia interpersoal e cos postos de 1,5 metros; deberán usar en todo momento máscara; aplicar xel hidroalcólico ao entrar e saír do mercado, e evitar tocar as prendas e alimentos do mercado.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, agradécelle a brigada de obras o traballo feito durante esta semana, así como ás voluntarias e voluntarios da Agrupación de Protección Civil, que estarán presentes no mercado. Tamén agradece a boa disposición mostrada polos representantes dos vendedores ambulantes, para buscar unha nova ubicación para o mercado de rúa.

Por outra banda, a concelleira de Promoción Económica sinala que “a reapertura do mercado de rúa é unha boa nova para o comercio amesá, xa que poderase beneficiar da afluencia de persoas que acudan ao mercadillo durante a tarde do sábado”.

Os postos do mercado de rúa instalaranse de xeito temporal na rúa do Sar, situada detrás da escola infantil da Rede da Galiza Azul

Multimedia

  • Cartel coas normas para acceder ao mercadiño
  • O persoal do departamento de Promoción Económica e da Brigada municipal de Obras estivo acondicionando a rúa do Sar
  • O persoal do departamento de Promoción Económica e da Brigada municipal de Obras estivo acondicionando a rúa do Sar
  • O persoal do departamento de Promoción Económica e da Brigada municipal de Obras estivo acondicionando a rúa do Sar
  • Cortarase ao tráfico un carril na intersección da rúa Pesqueiras coa rúa Entrerrios ata a escola infantil da Galiña azul para habilitar unha zona de estacionamento para os vehículos