- Tipo
O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia. Convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 27 de setembro ás 10.30 horas. As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata este sábado 26, ás 14.00 horas, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.
O Concello de Ames participa novamente na iniciativa “Móllate polos ríos”. Coordinada pola Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA), a actividade consiste na limpeza simultánea de lixo en distintos ríos e regatos de Galicia.
En Ames, realizarase a limpeza duns 2.000 metros de cauce de tres ríos diferentes: Sar, Ameneiral e Rego dos Pasos. Desde a Concellaría de Transición Ecolóxica e Medio Rural convídase á veciñanza amesá a participar desta iniciativa, que se desenvolverá este domingo, 27 de setembro ás 10.30 horas. O punto de encontro será na praza do Concello volverase até este lugar ao finalizar a actividade, sobre as 13.00 horas.
As persoas interesadas en participar poden inscribirse ata este sábado 26, ás 14.00 horas, enviando un correo ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal. Haberá servizo de autobús dende O Milladoiro.
A asociación ADEGA, a través do programa “Proxecto Ríos”, vén organizando dende o ano 2008, unha xornada de limpeza simultánea de ríos e regatos en toda Galicia, baixo o nome “Móllate polos ríos”. O “Proxecto Ríos” é un programa de Educación e Voluntariado Ambiental que ten a finalidade de dar a coñecer o importante papel dos cursos fluviais, amosar as súas problemáticas así como fomentar iniciativas que permitan á cidadanía o mantemento e a mellora dos ríos proporcionando as ferramentas que garantan a súa participación.
Unha vez realizada a presentación da actividade e dar as instrucións oportunas sobre como debemos desenvolver a limpeza faranse tres grupos. Un autobús desprazará aos integrantes dos diferentes grupos a Castrigo, Lapido e Pousada. Información de interese sobre a XIII limpeza simultánea de ríos en Ames.