- Tematica
Este luns, 15 de febreiro, comezou unha nova edición do Entroido Lúdico con 78 participantes. A través deste programa, que se desenvolve no CEIP da Maía, EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, trátase de facilitar a conciliación das familias amesáns durante as vacacións escolares do entroido. As actividades, impartidas de 7.30 á 16.00 horas e incluíndo os servizos de Bos Días e comedor, continuarán até o mércores 17 de febreiro. Nesta edición o programa céntrase na musicoterapia e nos seus beneficios para os máis pequenos e pequenas. Por mor da situación sanitaria derivada da COVID19, estase a ter en conta unha serie de medidas de prevención -redución de ratios, aumento dos labores de limpeza e definición das actividades que se poden realizar sen risco- que están recollidas no decreto e protocolo de actuación do Entroido Lúdico de 2021.
O Entroido Lúdico conta este ano coa participación de 78 nenas e nenos, dos que 31 acoden ao CEIP da Maía; 13 a EEI do Milladoiro e 14 ao CEP de Ventín. Ata o mércores 17 de febreiro, os/as nenos/as inscritos/as están a realizar unha gran variedade de actividades e xogos en horario de 9.00 a 14.00 horas, excepto aqueles para os que se lle solicitou o servizo Bos Días, que comeza ás 7.30 horas, ou o servizo de comedor, que remata ás 16.00 horas.
Nesta edición o programa céntrase na música debido aos beneficios que lles aporta aos rapaces e rapazas estimulando a creatividade, o pensamento, a linguaxe, a aprendizaxe e a memoria. Ademais, nesta época tan dura, a musicoterapia estase a mostrar como unha ferramenta eficaz para diminuír as secuelas que a COVID-19 deixou na maior parte da poboación. A infancia non foi allea a este impacto emocional e psicolóxico que a pandemia ocasionou, desenvolvendo consecuencias negativas na súa saúde e benestar tanto físico como mental. Con este obxectivo, o Entroido Lúdico deste ano fomenta as actividades adaptadas á infancia relacionadas coa música e o ritmo desde un punto de vista terapéutico.
Ademais, os nenos e nenas que participan no Entroido Lúdico recibirán a visita de Melo, un cazador de melodías, que presentará unha serie de propostas centradas na educación musical e musicoterapia. Comezará coa gramola, un xogo de percepción musical que consiste na audición de diferentes estilos musicais mentres os rapaces e rapazas pintarán coas cores que lles suxire a música.
Durante as tres xornadas, os cativos e cativas realizarán ritmos con obxectos cotiás como paus, vasos..., ademais experimentarán que eles mesmos son o mellor instrumento que existe coa súa voz e a percusión do corpo.
Debido á situación excepcional derivada da COVID19, estanse a seguir unha serie de medidas que van desde a redución de ratios e o aumento das labores de limpeza e desinfección, á determinación dos equipos de protección para monitores e usuarios e a redefinición das actividades que se poden levar a cabo sen risco de contaxios.
Estas medidas, recollidas no decreto e protocolo de actuación do Entroido Lúdico de 2021, indican que o neno/a non poderá participar no Entroido Lúdico nos seguintes casos: Se é diagnosticado/a positivo/a por COVID-19, se presenta calquera sintomatoloxía (tose, febre, dificultade ao respirar) que poida estar asociada co COVID-19 durante os días inmediatamente anteriores á súa participación.