Solapas principales

Máis ciencia no Apego de Ames, con Xurxo Mariño

Miércoles, 10 de noviembre de 2021

Hoxe abre o prazo de inscrición para a charla de Xurxo Mariño, biólogo, experto en neurociencia e divulgador científico, que volve a Ames para falarnos de linguaxe, a principal característica da natureza humana. Linguaxe e evolución eu é o título da charla organizada polo Servizo de Normalización Lingüística de Ames dentro do mes da ciencia. A actividade, pensada principalmente para o público adulto, terá lugar o próximo xoves, 18 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura do Milladoiro. As persoas interesadas en asistir poden anotarse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen.

Novembro é o mes da Ciencia en galego e, por este motivo, desde o Servizo de Normalización Lingüística, no marco do programa Apego, organízanse actividades de divulgación científica con persoas que son referentes tanto no ámbito da ciencia como no da dinamización lingüística. O vindeiro xoves, 18 de novembro, ás 20.00 h, na Casa da Cultura do Milladoiro, Xurxo Mariño falará da característica principal que nos distingue aos seres humanos: a linguaxe. A linguaxe é a principal ferramenta da creatividade, a que nos permite elaborar e transmitir pensamentos complexos e coa que imos modelando a nosa identidade. Con Mariño introducirémonos, ademais, dun xeito sempre ameno e divertido no apaixonante funcionamento do noso cerebro.

A actividade é de balde e as persoas interesadas en participar só teñen que enviar un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal no que indiquen nome e apelidos, teléfono de contacto e idade das crianzas que as acompañen. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe ao martes 17 de novembro.

Xurxo Mariño (Lugo, 1969) é doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela, especializado en neurociencia. Na actualidade é un referente na divulgación científica en diferentes ámbitos e soportes e compaxina a docencia na Universidade da Coruña coa divulgación, coa investigación, coas colaboracións en medios de comunicación e coa súa faceta de escritor.

O programa Apego, actividades, formación e recursos para familias
O programa Apego vai dirixido a todas as familias de Ames que estean a esperar un bebé ou que xa o teñan con idade entre 0 e 6 anos. É un proxecto cooperativo de varios concellos para promover e apoiar o uso do galego na socialización da primeira infancia que apoia as familias con actividades, formación e recursos para facilitar e mellorar a crianza.

As familias interesadas poden sumarse ao programa poñéndose en contacto co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Ames. Para ese primeiro contacto poden optar por diferentes vías: cubrir o formulario "Súmate ao Apego" na páxina web apego.gal, escribir a normalizacion@concellodeames.gal ou chamar ao teléfono 662 377 215.

Novas relacionadas

El Correo Gallego: "Xurxo Mariño vai disertar da linguaxe e a evolución"

AMSGO!: "O biólogo Xurxo Mariño estará no programa Apego o xoves 18"

Máis ciencia no Apego de Ames, con Xurxo Mariño

Multimedia

  • Máis ciencia no Apego de Ames, con Xurxo Mariño