Pestanas principais

O Concello de Ames busca familias de acollida para o Programa Vacacións en Paz 2020

Mércores, 29 de xaneiro de 2020

O Concello de Ames, a través da Concellería de Servizos Sociais, colabora un ano máis coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS), na difusión da campaña de Vacacións en Paz 2020. Nesta ocasión solicitase a colaboración da veciñanza amesá, xa que buscan ao maior número de familias posible para participar no programa. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico ao enderezo info@sogaps.org ou chamar polas mañás aos número de teléfono 986 262 637 - 981 377 656.

O Concello de Ames e maila asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (SOGAPS) colaboran na campaña de difusión do programa Vacacións en Paz 2019. Trátase dun programa de acollida co que centos de nenos e nenas saharauís pasan o verán en Galicia desde hai máis de 20 anos. Grazas a este programa, os menores poden escapar das altas temperaturas do verán nos campamentos de refuxiados e someterse a diversos exames médicos, inalcanzables na vida diaria que están obrigados a vivir en Tindouf. Ademais, este programa posúe un gran valor cultural para os nenos e nenas saharauís, españois e para as familias acolledoras.

A representante na comarca da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, Esther Ybarra, conta que “estamos intentando buscar o maior número de familias que polo menos se interesen polo programa, xa que aínda que é un programa moi bonito, tamén é moi complexo”. Engade que “o máis importante e preguntar, a partir de aí, saber ao que nos afrontamos, e despois desfrutar desta bonita experiencia, que para os nenos que veñen é boa pero para as familias de acollida aínda máis”. Ademais agradece ao Concello de Ames a súa colaboración, tanto neste programa, como no resto de actividades que desenvolve SOGAPS.

Neste momento xa se conta con 4 familias confirmadas para participar no programa. Unha delas, viviu a experiencia por primeira vez o ano pasado e queren seguir repetindo este, e as outras 3 xa participan no programa de acollida dende fai moitos anos.

Dende o Concello de Ames animan a todas aquelas persoas que estean interesadas en vivir unha experiencia única e inesquecible, e que queiran solidarizarse co pobo saharauí, acollendo na súa casa durante os dous meses de verán a unha nena ou neno refuxiado saharauí, que se poñan en contacto con dita asociación enviando os seus datos ao enderezo de correo electrónico info@sogaps.org ou chamando polas mañás ao número de teléfono 986 262 637. Os responsables de Vacacións en Paz poñeranse en contacto con cada persoa que estea interesada neste proxecto, para informalos do proceso que hai que seguir para acoller.

Novas relacionadas:

La Voz de Galicia: "Ames busca familias de acogida en el municipio para la edición de este año de Vacacións en Paz"

Compostela 24 horas: "O Concello de Ames busca familias de acollida para o Programa Vacacións en Paz 2020"

Programa Vacacións en Paz 2020 - SOGAPS