Pestanas principais

Catro días de música en Aldea Nova da man do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames

Luns, 12 de xuño de 2017

[12-06-2017] Desde este luns e ata o próximo xoves, o Centro Multiusos de Aldea Nova acollerá catro audicións musicais interpretadas polo alumnado da Escola Municipal de Música de Ames. En cada unha das actuacións, que serán ás 18:00 horas, poderase gozar dunha especialidade diferente.

O alumnado da Escola Municipal de Música de Ames realizará, ao longo desta semana, catro audicións das especialidades que están a estudar. Durante as actuacións, que contarán con alumnas e alumnos de todos os instrumentos, poderanse escoitar pezas de diferentes estilos interpretadas por dúos, tríos e grupos máis numerosos. Todas as actuacións decorrerán ás 18:00h na aula aula 10 do Centro Multiusos de Aldea Nova.

A primeira audición, que será de saxofón e frauta, terá lugar este luns día 12. Mañá, martes 13 de xuño, será a quenda do alumnado de violín, piano e linguaxe musical. No mércores, o público asistente poderá gozar dun concerto de guitarra e percusión. E, por último, o xoves día 15, o alumnado de canto moderno será o encargado de pechar a serie de actuacións.

Asemade, e como xa é costume, o próximo mércores 21 de xuño, o alumnado da Escola Municipal de Música de Ames porá punto e final ao ano lectivo, cun concerto de fin de curso. Será na Casa de Cultura do Milladoiro, ás 19:30 horas.