Pestanas principais

Máis de 1.300 persoas beneficiáronse das acción de formación ocupacional e de promoción do emprego postas en marcha polo concello de Ames no ano 2011

Sábado, 11 de febreiro de 2012

[11-02-2012] O Concello de Ames está levando a cabo diversas accións co obxectivo de fomentar o emprego local entre a veciñanza amiense. Existen varias ferramentas que a Administración local leva desenvolvendo no eido da formación e que están dirixidas ás persoas desempregadas para que poidan optar a traballos en sectores dun maior índice de ocupacionalidade. Rematado o 2011 toca facer balance e avaliar as políticas activas de emprego postas en marcha durante o pasado ano. Un total de 135 persoas participaron nas diferentes accións de formación e de fomento do emprego, así como nos programas integrados para o emprego desenvolvidos durante o 2011. Ademais, atendéronse máis de 1.000 demandantes de intermediación laboral e realizáronse 825 entrevistas con persoas que buscan asesoramento na busca de emprego. A través dos programas de cooperación contratáronse 21 persoas que integraron diferentes brigadas e que traballaron en varios programas municipais. Na actualidade estase desenvolvendo a quinta edición do programa InserAmes do que se están beneficiando 100 usuarios/as.

Dende a concellaría de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo fan balance das actuación realizadas durante o último ano en materia de formación ocupacional e de promoción do emprego. A pesar de que a situación económica non é óptima o Concello de Ames está contribuíndo, na medida do posible, a posta en marcha de diferentes ferramentas para fomentar o emprego entre a cidadanía amiense que se encontra en situación de desemprego.

O concelleiro de Comercio, Promoción Económica, Traballo e Turismo, Bernardo Moar, explica que "estase realizando un importante esforzo económico para seguir desenvolvendo diferentes accións formativas e de promoción do emprego. Estamos vivindo unha situación de crise económica na que hai que redobrar esforzos para conseguir que a veciñanza de Ames, que se atopa desempregada, poida acadar unha maior formación co obxectivo de atopar traballo. Dende o Concello estamos a desenvolver diferentes medidas activas de emprego en colaboración coa Xunta de Galicia e coa Deputación da Coruña".

InserAmes IV

Durante o 2011 desenvolvéronse diferentes programas como a cuarta edición do programa integrado para o emprego InserAmes, que rematou cun 34% de insercións laborais. Das 100 persoas que participaron na cuarta edición deste programa, 34 conseguiron algún tipo de contrato. O obxectivo deste programa é intervir en colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, avaliando individualmente as potencialidades e carencias dos participantes, a través do deseño de IPIS (Itinerario Personalizado de Inserción), no que se combinan diferentes accións de formación e práctica profesional e que teñen unha evidente relación coa capacidade de acceso ao emprego no que se acadou unha inserción laboral de 34 participantes no programa, sendo 58 participantes os que tiveron algún tipo de contrato neste período dun ano.

Na fase formativa transversal impartíronse catro cursos (desenvolvemento de habilidades sociais; busca activa de emprego; alfabetización informática e autoemprego; e creación de empresas). Ademais, realizouse unha segunda fase de formación específica na que se impartiron cinco cursos (dietética e nutrición de colectivos especiais; comunicación comercial; coidador de nenos/as con hiperatividade; manipulador de alimentos de alto risco; e coidador de discapacitados físicos e psíquicos). Para impartir a formación específica tívose en conta o perfil de cada participante e os sectores e ocupacións con mellores perspectivas do mercado. A formación transversal e especializada impartiuse nas aulas do edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova.

InserAmes V

Ademais, na actualidade está desenvolvéndose a quinta edición do programa integrado para o emprego, InserAmes V, no que participan 100 usuarios/as. Os sectores básicos nos que incide este programa de emprego, e que son os que aínda rexistran demanda de emprego, son as enerxías renovables e a eficiencia enerxética e o coidado a dependentes. Aínda así, os titores atenden as particularidades de cada caso e son moitos os ámbitos nos que fan asesoramento. Ata o de agora realizáronse o curso de condutos de carretilla elevadora-Dumper; eficiencia enerxética en edificios; iniciación á enfermería de alzeheimer; e habilidades sociais e resolución de conflitos.

Rede Xiana

Por outra banda púxose en marcha un curso de montaxe e mantemento de instalacións solares térmicas e outro de aproveitamento forestais, que se enmarcou dentro da Rede Xiana. Este é un programa que está promovido pola Deputación da Coruña e cofinanciado con cargo ao Fondo Social Europeo. Destes cursos beneficiáronse 35 persoas desempregadas do Concello de Ames. Durante este ano Ames volve a ser unha das tres sedes provinciais encargadas de impartir o curso de operario de almacén, que se enmarca dentro da Rede Xiana, e no que participan 17 persoas. Anteriormente, xa se impartiu o obradoiro de empregabilidade.

Este programa busca mellorar o nivel dos servizos de proximidade da poboación rural, elevando o nivel de benestar e garantindo a igualdade de oportunidades especialmente para as persoas de maior vulnerabilidade ou en risco de exclusión social, así como executar accións locais coherentes coas iniciadas desde outros niveis administrativos procurando establecer sinerxías entre os instrumentos de políticas públicas das distintas administracións.

Servizo de orientación laboral

O Concello conta cun servizo de orientación laboral, como entidade colaboradora do Servizo Público de Emprego, co obxectivo de asesorar a todas aquelas persoas que precisan información e que están na busca de emprego. Deste servizo beneficiáronse máis de 1.000 usuarios. Durante o pasado ano o Concello contou cos servizos de un axente de emprego e desenvolvemento local e contratouse un axente de emprego e promoción económica. Estes dous técnicos atenderon a 498 demandantes de información-orientación e intermediación laboral. Ademais dóuselle continuidade á contratación dun orientador laboral que atendeu a 587 persoas e realizou 825 entrevistas. Os servizos destes técnicos estiveron cofinaciados pola Consellería de Traballo e Benestar Social e o Fondo Social Europeo.

Asesoramento empresarial

Tamén se conta cun servizo de asesoramento empresarial e apoio ás iniciativas empresariais. O pulo que están collendo as políticas de apoio ao autoemprego neste concello fai que dentro das políticas activas de emprego, este sector estea consolidándose como un instrumento básico no desenvolvemento económico. Isto implica que os emprendedores necesiten cada vez máis apoio técnico e financeiro para a creación de empresas. Dende xuño de 2011 atendéronse 112 emprendedores en relación á tutela de novos proxectos empresariais ou asesoramento a empresarios en diferentes eidos.

Programas de cooperación

A través deste programas o Concello de Ames contratou a un total de 21 traballadores desempregados na convocatoria de 2011 e 2012. Este programa ten por obxecto a realización de obras ou servizos de interese xeral e social dentro dos municipios. Dentro desta convocatoria contratouse persoal para tres brigadas (brigada de espazos públicos municipais; brigada de protección de marxes fluviais e do espazo forestal; e brigada de espazos forestais). Ademais,a través do programa IMMA contratáronse 4 mulleres.

Viveiro de empresas

Por outra banda o O Concello de Ames continúa apoiando ás iniciativas empresarias de nova creación a través do Viveiro de Empresas. Durante o 2012 farase unha restruturación do Viveiro de Empresas habilitando un novo local polo que pasará a dispoñerse de catro. O complexo conta cunha instalación completa para o desenvolvemento da actividade profesional, ademais dunha sala de reunións independente. Este espazo de xestión pública, situado no Edificio de Servizos Múltiples de Aldea Nova, tenta facilitar o arranque de novas empresas no ámbito amiense. Este viveiro serve como punto inicial no camiño das novas iniciativas dos emprendedores amienses.

Centro de Formación de Aldea Nova

O Concello de Ames está traballando no acondicionamento e posta en funcionamento do Centro de Formación de Aldea Nova. Un espazo que conta con 714 metros cadrados adicados á formación ocupacional no que se inclúen tres aulas teóricos-prácticas, dous talleres e tres despachos de oficina e sala multifuncional. Deste xeito o Concello de Ames disporá dun edificio onde se poidan desenvolver diferentes actividades dedicadas á formación tanto das persoas desempregadas como das empresas que conforman o tecido empresarial de Ames. A formación continúa é unha das claves para o éxito empresarial e para conseguir a integración no mercado laboral. Este centro albergará as distintas accións formativas que desenvolve o goberno municipal.

Durante o ano 2012 estase procedendo á homologación de cinco novas especialidades formativas ocupacionais.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Ames formó a más de 1.300 personas del municipio"