Pestanas principais

O Concello de Ames convida á veciñanza e ás empresas amesás a sumarse á Hora do Planeta

Xoves, 22 de marzo de 2018

[22-03-2018] O Concello de Ames responde ao chamamento da ONG World Wildlife Fund (WWF), que cada ano solicita ás cidades de todo o planeta o apagado do alumeado municipal durante unha hora o día 24 de marzo. Esta iniciativa, dada a coñecer como "A Hora do Planeta", anima ás administracións públicas a demostrar o seu compromiso fronte ao cambio climático e a perda de biodiversidade. Edificios, espazos e rúas emblemáticas de cidades e vilas de todo o mundo participan cada ano escurecéndose durante unha hora. A convocatoria deste ano terá lugar entre as 20:30 e as 21:30 horas.

O Concello de Ames anima a veciños e veciñas, así como aos establecementos e empresas situados en territorio amesán a apagar as luces dos seus fogares e lugares de traballo durante unha hora. Por parte do consistorio quedarán sen luz a Casa do Concello e os farois públicos da praza do Concello, en Bertamiráns, e mailo alumeado público da praza de Manuel Murguía, no núcleo urbano do Milladoiro.

A undécima edición da Hora do Planeta pretende concienciar á sociedade sobre a perda de biodiversidade que está a ocasionar o cambio climático, e pedir a protección da vida salvaxe, o uso da enerxía do sol ou evitar que o deserto avance. A organización espera que a Hora do Planeta 2018 sexa un evento multitudinario no que participen miles de cidades de 187 países do mundo apagando 12.000 monumentos e edificios icónicos. As persoas interesadas poden obter máis información sobre a Hora do Planeta na ligazón http://www.horadelplaneta.es

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "El consistorio invita al vecindario y a las empresas locales a sumarse a la Hora del Planeta"