Pestanas principais

O Concello de Ames informa sobre a subvención para o pago de parte da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia para o ano 2016

Xoves, 03 de marzo de 2016

[03-03-2016] O Concello de Ames informa á veciñanza, a través dun bando municipal, de que xa está aberto o prazo de rexistro de solicitudes da subvención para o pago da factura eléctrica a través do tícket eléctrico social de Galicia para o ano 2016. Esta axuda consiste nun aporte fixo de 180 euros anuais por vivenda solicitante, 300 euros ao ano para aquelas nas que habite unha familia numerosa.

O prazo para solicitala remata o domingo 31 de xullo de 2016. No DOG número 248 do 30 de decembro de 2015 pódese acceder á máis información sobre a subvención, os requisitos e a documentación necesaria para solicitala.

Poden solicitar esta subvención aquelas persoas, residentes en Galicia, con fillos ou fillas menores de 18 anos ao seu cargo, ou responsables de persoas cunha discapacidade cun grado igual ou maior ao 33%.

A renda conxunta dos habitantes do fogar non pode ser superior a 1,5 veces o Indicador Público da Renda de Efectos Múltiples (IMPREM), é dicir 9.585,19 euros ano ano, no exercicio do ano 2014. A persoa solicitante debe ser pagadora da correspondente factura de enerxía eléctrica do fogar. Poderá presentarse unicamente unha solicitude de subvención por vivenda.

O trámite para solicitar a axuda pódese realizar unicamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado accesible a través do portal electrónico da Xunta de Galicia https://sede.xunta.es ou na dirección https://ticketelectrico.xunta.es. Para o acceso e envío da solicitude é necesario o DNI electrónico ou calquera dos certificados electrónicos admitidos pola Xunta de Galicia. En caso de que a persoa solicitante non dea permiso á Xunta de Galicia para acceder aos datos almacenados nos seus rexistros deberá achegar dixitalizados os documentos necesarios para solicitar a axuda.

Aquelas persoas que, por motivos económicos ou técnicos, non poidan realizar a solicitude de forma telemática poden solicitar axuda aos funcionarios e funcionarias da Xefatura Territorial da Consellería de Economía de Industria, situada nos Edificios Administrativos da Xunta de Galicia en San Caetano, Santiago de Compostela, ou solicitándoo á Dirección Xeral de Enerxía e Minas. O prazo de presentación das solicitudes comezou o pasado 15 de xaneiro e péchase o domingo, 31 de xullo, de 2016. A Xunta de Galicia prevé un prazo de tres meses, dende o peche da convocatoria, para anunciar a resolución de todas as solicitudes.