Pestanas principais

O goberno de Ames cita unha nova xuntanza ao comité de empresa para o vindeiro luns, ás 13.30 horas no Concello

Sábado, 19 de novembro de 2011

[19-11-2011] A reunión do Goberno municipal cos representantes sindicais para tratar sobre a reorganización municipal celebrouse esta mañá no Concello, tal como estaba previsto. Na sesión expuxéronse as posicións das dúas partes e, tras mais de dúas horas, levantouse a sesión. Pero o Goberno convocou ao comité de empresa a unha nova xuntanza o vindeiro luns, ás 13:30 horas, para dar “continuidade e maior reflexión a estes asuntos tan delicados cando se trata de persoas”, tal como matizou o Alcalde, Santiago Amor. O Executivo amiense explicou que a súa proposición non é illada, senón que forma parte dun paquete de medidas que se veñen adoptando dende o primeiro día da gobernanza, disposicións encamiñadas a garantir os servizos sociais, os comedores, os programas de conciliación e o resto dos servizos básicos que ten que prestar o Concello.

O Goberno de Ames quere facer público que a súa acción está presidida por criterios de xestión eficiente, racional e construtiva: "Os nosos pasos hai que enmarcalos en que o gasto corrente e de persoal aumentou un 60% dende o 2007, ano en que estourou a crise; temos unha situación moi delicada co Estado, a causa dunha débeda que se non afrontamos con rigor e disciplina, levaríanos á creba directamente; e as perspectivas económicas cara ao ano entrante son moi incertas".

En canto á Relación de Postos de Traballo (RPT), a brigada de medio ambiente era ata o de agora un servizo que presentaba unha gran duplicidade na súa actividade con respecto ás tarefas da brigada de obras. O goberno quere reconducir esta situación, mantendo o técnico medioambiental e as súas tarefas propias, pero asociado á brigada de obras.

O servizo das bibliotecas mantense así coma as súas actividades. O único que deixa de facerse é a actividade concreta de contacontos. En canto ao servizo de normalización lingüística, Santiago Amor afirma que a Administración municipal usa o galego en todas as súas comunicacións, "como algo absolutamente natural na xestión e trámites, pero tamén entre nós e cos veciños". Así é todo, a idea deste Goberno con respecto ao espallamento do galego é programar actividades de participación social, "tal como defendeu sempre a Mesa de Normalización Lingüística.Así que de ningunha maneira se vai resentir o noso compromiso explícito co idioma propio do país".

Finalmente, a radio municipal, creada hai máis de cinco anos en tempos de bonanza económica, ten un custe anual inasumible hoxendía, que se eleva a mais de 160.000 euros: "Esta cifra, sempre nos pareceu unha esaxeración manifesta para unha emisora destas características". Nesta conxuntura, o Concello conta cunha web corporativa, "moito máis asequible e necesaria, que debemos potenciar como canle de información e participación".

O ALCALDE, SANTIAGO AMOR, DEMANDA RESPONSABILIDADE E SENTIDO COMÚN

REXEITA QUE A REORGANIZACIÓN DE SERVIZOS MUNICIPAIS TEÑA NADA QUE VER NIN CON AFRENTAS SINDICAIS NIN DIRECTRICES DE PARTIDO

O alcalde, Santiago Amor, afirma que "estamos ante unha crise do erario público que debemos xestionar, todos, con cautela, responsabilidade e sentido común, con vocación de servizo público ao conxunto dos cidadáns". Neste sentido, Amor rexeita rotundamente que a reorganización municipal teña nada que ver coa liberdade sindical nin con directrices de partido, tal como expresaron estes días representantes sindicais e dos grupos da oposición.