Pestanas principais

Organízase unha nova Foliada con Apego para o próximo 30 de xuño no Pazo da Peregrina

Venres, 16 de xuño de 2017

[16-06-2017] O próximo venres, 30 de xuño, terá lugar, no Pazo da Peregrina, unha nova Foliada con Apego. A actividade orientada a familias con nenas e nenos sen límites de idade, así como a calquera persoa á que lle guste cantar e bailar, pretende construír un espazo de socialización en galego, onde se poida compartir, cantar, bailar e aprender cancións tradicionais galegas. Para participar é preciso realizar unha inscrición previa a través do correo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou do número de teléfono 662 377 215. O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o próximo 29 de xuño.

Unha nova edición das Foliadas con Apego terá lugar no Concello de Ames o vindeiro día 30 de xuño. Será no Pazo da Peregrina, a partir das 18:00 horas. Ao longo da tarde, haberá baile, cantares e moita música. Todas as persoas que toquen algún instrumento, poderán acudir con el e interpretar algunha peza durante a foliada. Asemade, tamén se pode levar algún petisco para compartir á merenda co resto das e dos participantes.

A iniciativa xurde dunha proposta dalgunhas das familias que fan parte do proxecto “Apego”, no Concello de Ames. Con ela procúrase construír un espazo máis de encontro e socialización en galego para crianzas, achegando ao mesmo tempo a música tradicional galega ás e aos máis pequenos da casa. En Ames xa hai 80 familias adheridas ao programa, que comezou a andar en setembro de 2016.

Tramitación das inscricións
A entrada será de balde e ata completar aforo. Porén, para participar é preciso inscribirse enviando un correo ao enderezo electrónico normalizacion@concellodeames.gal ou chamando ao teléfono 662 377 215, en horario de 9:00 a 15:00 horas. Haberá que indicar o número de persoas participantes, o seu nome e apelido, así como un teléfono de contacto. Na foliada poden participar todas as familias con nenas e nenos sen límite de idade, así como calquera persoa á que lle guste a música tradicional galega.