Pestanas principais

Os Concellos de Ames, Santa Comba, Dumbría, Fisterra e Muxía analizan diferentes propostas de acción e promoción conxuntas para o Camiño de Fisterra-Muxía

Sábado, 14 de novembro de 2015

[14-11-2015] O Pazo da Peregrina de Bertamiráns acolleu unha xuntanza de técnicos e técnicas municipais de cinco Concellos dos nove implicados na reivindicación do Camiño Fisterra-Muxía. Así, estiveron representados os Concellos de Ames, Santa Comba, Dumbría, Fisterra e Muxía, nunha xuntanza á que tamén asistiu o alcalde de Ames, José Miñones, a concelleira de Promoción Económica, Isabel González, e o presidente da Asociación Neria, Javier González. A reunión serviu para achegar propostas de acción e promoción a curto e medio prazo por parte das administracións implicadas e para facer balance do I Fórum sobre os Camiños de Santiago (Fairway) que se celebrou a mediados do pasado mes de outubro na Cidade da Cultura de Galicia.

A xuntanza desenvolvida no Pazo da Peregrina de Bertamiráns serviu para facer balance do I Fórum sobre os Camiños de Santiago (Fairway). O Concello de Ames estivo presente no stand adicado ao Camiño de Fisterra-Muxía, xunto cos outros concellos por onde transcorre esta ruta: Negreira, Santa Comba, Mazaricos, Dumbría, Cee, Corcubión, Fisterra e Muxía. Os técnicos municipais valoraron positivamente esta primeira experiencia e adquiriron o compromiso de continuar nesta liña de traballo. Desde os Concellos enténdese que esta iniciativa ten que ser o punto de partida para, de forma conxunta, potenciar esta ruta de peregrinaxe.

Analizar diferentes fórmulas para a posible creación dunha asociación, editar material promocional ou determinar a participación dos Concellos en eventos previstos a curto e medio prazo foron algunhas das propostas que achegaron en Ames os diferentes técnicos e técnicas municipais que participaron do encontro. Así, valorouse a posibilidade de constituír unha asociación que englobe aos nove concellos por onde pasa o Camiño de Fisterra-Muxía e a necesidade de editar material promocional, tanto en papel como en soporte dixital, ademais de crear perfís en diferentes redes sociais como Facebook, Twitter ou Instagram.

Participación en eventos
Co ánimo de promocionar e reivindicar o Camiño de Fisterra-Muxía, os técnicos e técnicas municipais achegaron tamén propostas de participación en diferentes eventos que terán lugar nos próximos meses. A apertura da Porta Santa da Catedral de Santiago o próximo 13 de decembro, ou o final de etapa da Vuelta Ciclista a España que terá lugar no Ézaro, no concello de Dumbría, son datas sinaladas no calendario por parte dos Concellos implicados para levar a cabo eses diferentes actos promocionais. Ademais, valorouse a posibilidade de acudir á convocatoria do programa Erasmus Plus, enmarcado dentro da Estratexia Europea 2020 de Educación e Formación. O programa engloba accións de educación, formación, xuventude e deportes para mozos e mozas de diferentes países europeos que se acollerían, baixo o paraugas do Camiño de Santiago, nos concellos onde se desenvolve a ruta.

Todas as propostas realizadas polos diferentes técnicos e técnicas municipais serán valoradas polos alcaldes dos nove Concellos nunha xuntanza a celebrar, posiblemente, a próxima semana.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Ayuntamientos del Camiño de Fisterra estudian su promoción conjunta"
El Correo Gallego: "La Prolongación de la Ruta llama en Ames a asociarse y promocionar en conjunto"