Pestanas principais

>Encontros literarios: "Un taxi verde e un concerto" de Tuco Cerviño

Mércores, 10 abril, 2024
Ás 20:00 horas

O mércores 10 de abril, Tuco Cerviño presenta no Pazo da Peregrina de Bertamiráns "Un taxi verde e un concerto", da editorial Galaxia.

Por este intenso relato transita a memoria da familia do autor, que se remonta ata o século XIX, con historias de masóns, republicanos, socialistas, galeguistas, conservadores, falanxistas, peronistas; desterros, cadea, exilio, depuracións, tribunais franquistas, emigración, viaxes, revolucións. A Guerra Civil e as súas consecuencias. Profesoras de universidade e mulleres sachando, canteiros e labregos, mestres, médicos e avogados. E tamén o mundo rural de Cotobade, o Instituto e a adolescencia na Pontevedra dos cincuenta, a Compostela dos sesenta, a universidade e as persoas e organizacións do conflito do 68.

En palabras do propio Tuco Cerviño: “Toda a miña vida está aquí, entre a viaxe co tío Coca, que me levou a Raxó nun taxi verde, e o concerto de Voces Ceibes na Aula Magna de Medicina en abril de 1968. O que vén logo é un simple agromar, enfiado polo traballo e as oportunidades, as aproveitadas e as desbotadas”.

O departamento de Bibliotecas municipais de Ames organiza unha nova edición dos Encontros Literarios. Estas presentacións, que serven para dar a coñecer novas autoras, autores e proxectos literarios á veciñanza amesá, contaron cunha ampla participación ao longo das edición de 2021 e 2022.