Pestanas principais

>II Recoñecementos Escena Galegas das Artes Escénicas

Martes, 7 maio, 2024
Ás 20.30 horas

A Casa da Cultura do Milladoiro acolle o martes, 7 de maio, a segunda edición dos Recoñecementos Escena Galega das Artes Escénicas. O evento está organizado por Escena Galega, a Asociación Galega de Empresas de Artes Escénicas en colaboración co Concello de Ames e e coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais. Con esta actividade, a entidade brinda recoñecemento sectorial a profesionais, entidades, instalacións, publicacións e persoal técnico vencellados ás artes escénicas de Galicia.

Os Recoñecementos Escena Galega ás artes escénicas teñen carácter non competitivo e buscan recoñecer e visibilizar a traxectoria e a contribución de distintas compañías, entidades, proxectos e persoas no ámbito das artes escénicas.

Entre as axentes recoñecidas nesta edición, destaca a distinción como nova socia de Honra da Asociación a Títeres Cachirulo ou unha mención especial á revista Erregueté, publicación especializada en escénicas referencial no país, na categoría “Longa travesía no deserto”. Madó Santos (ex-técnica de cultura, xubilada, do Concello de Muros) recibirá igualmente recoñecemento sectorial á súa traxectoria por “Toda unha vida a sachar”.

A Casa Vella de Amiadoso érguese nesta edición co recoñecemento de proxecto “Do rural ao universal” polo seu traballo en prol da dinamización das artes escénicas na contorna non urbana. Tamén haberá unha mención especial “ao compromiso feminista entre caixas” para Fátima Rodríguez-Consultora Promove e o recoñecemento “Ás pioneiras da escaleira e do patch”, para Ana Díaz Calvo, profesional técnica de iluminación e de son.