Pestanas principais

>Obra de teatro: “As Fillas Bravas de Momán”

Xoves, 7 marzo, 2024
Ás 12:00 horas

O xoves 7 de marzo, a Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá a representación de “As Fillas Bravas de Momán”, ás 12:00 horas. Esta representación teatral dirixida ao alumnado dos IES de Bertamiráns e do Milladoiro correrá a cargo do Grupo Chévere.

As fillas bravas son tres mulleres que tocan e cantan o que lles peta como antes fixeron a súa nai e a nai da súa nai, porque todas son fillas do vento, cantoras dunha estirpe de voces furtivas que berran entre raposos. Con esta peza Chévere segue a explorar as posibilidades dun teatro con perspectiva de xénero. Nesa liña de traballo, As Fillas Bravas veñen para reafirmar modelos empoderados de muller, vencellados a expresións culturais tradicionais que agochan berros emancipatorios e cantos de rebeldía insospeitados. Esta obra tamén é un traballo de investigación sobre a sexualidade, as relacións de xénero e os roles da muller na sociedade tradicional que aparecen reflectidos nas coplas do cancioneiro popular galego.