Pestanas principais

Ames conmemora o Día Mundial de Teatro cun vídeo protagonizado polo alumnado da Escola Municipal de Teatro

Mércores, 27 de marzo de 2024

Ames conmemora o Día Mundial do Teatro coa publicación dun vídeo que protagonizan algúns dos rapaces e rapazas que integran a Escola Municipal de Teatro . Nel conmemoran este día explicando que significa para eles o teatro. Actualmente estase desenvolvendo a programación cultural do primeiro semestre de 2024 , que inclúe doce representacións de teatro e danza que se representan de xaneiro a maio.

A Concellaría de Cultura do Concello de Ames puxo en funcionamento en 2021 a Escola Municipal de Teatro na que na actualidade participan arredor de 90 persoas, tanto nenos como adultos, repartidos en distintos grupos segundo a idade. Nesta escola, dirixida por Talía Teatro, poden participar nenos e nenas dende os tres anos en diante ata persoas adultas sen límite de idade. A formación teatral impártese os martes en Bertamiráns e os mércores no Milladoiro.

Co gallo do Día Mundial do Teatro, a Escola Municipal de Teatro quixo conmemoralo nun vídeo protagonizado polo seu alumnado máis novo, no que explican que é e que significa para eles esta disciplina artística.

A celebración do Día Mundial do Teatro é parte da forte aposta que se realiza dende o Concello de Ames por esta disciplina artística. Na actualidade, o concello conta cunha programación estable de artes escénicas, con doce funcións para o público adulto, infantil e familiar no primeiro semestre de 2024. Ademais, a Concellaría de Cultura facilita o acceso á veciñanza ás obras, con entradas a prezo reducido e coa emisión de bonos culturais, que permiten asistir ás representacións cun 50% de desconto.

Happening teatral o venres 5 de abril
Por outra para seguir celebrando este día, o alumnado adulto da Escola Municipal realizará un happening teatral o día 5 de abril na recepción da Casa de Cultura de Bertamiráns. Terá lugar sobre as 20:15, amenizando a entrada do público que asista á obra “Sofá”, de Marta Alonso. Este happening consistirá nunha breve intervención lúdico-festiva para conmemorar a data.

Ames conmemora o Día Mundial de Teatro cun vídeo protagonizado polo alumando da Escola Municipal de Teatro

Multimedia

  • Embedded thumbnail for