Pestanas principais

A comedia teatral “As r(h)umorosas" pecha este venres a programación de artes escénicas

Xoves, 02 de maio de 2024

Para este venres o departamento de Cultura do Concello de Ames propón unha peza teatral dirixida a público adulto.  A programación cultural do primeiro semestre de 2024 remata mañá, 3 de maio, ás 20:30 horas, coa comedia teatral "As r(h)umorosas". O espectáculo, producido por Etiqueta Negra, emprega o humor para poñer en valor as figuras das grandes mulleres ilustres da historia de Galicia. As entradas para esta obra están esgotadas. Esta representación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Este venres, 3 de maio, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a obra "As r(h)umorosas" ás 20:30 horas. Este é o derradeiro dos 12 espectáculos que integran a programación de artes escénicas “Ames Cultural 2024”. Así, o Concello de Ames propón para este venres unha comedia dirixida a público adulto.

Sinopse de "As r(h)umorosas"
Despois de anos preguntándonos “Que din os rumorosos?”, as actrices Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola pregúntanse agora “Que din as rumorosas?”.

“Só unha de cada dez rúas ten nome de muller”. A partir desta noticia real, esta comedia teatral recolle a procura de mulleres ilustres galegas para actualizar o noso rueiro. Nela, as candidatas a ter unha rúa co seu nome teñen que demostrar a súa valía durante un peculiar proceso de selección.

Nesta obra, o público coñecerá, entre rumor e humor, máis detalles das vidas destas mulleres galegas dun xeito diferente e divertido. As r(h)umorosas falan, cantan e bailan para dar  vida a estas mulleres e serán tamén xuíz e parte nesta escolla.

Programación de artes escénicas do primeiro semestre de 2024
A programación “Ames Cultural 2024”, que comezou o pasado 1 de marzo, estivo conformada por un total de doce representacións, das que dez foron de teatro e dúas de danza, e que se distribuíron de maneira equitativa entre os auditorios de Bertamiráns e do Milladoiro. As propostas abarcaron actuacións tanto para adultos como para público familiar. Ademais, incluíuse unha ampla oferta de xéneros, teatro de comedia, contemporáneo e drama, así como danza tradicional e contemporánea.

O orzamento total investido ascende a 48.909 euros, dos cales 22.213,50 euros foron aportados polo Concello de Ames, e os 26.695,50 euros restantes, pola Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC). Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "La obra ‘As r(h)umorosas´ logró agotar las entradas en Milladoiro"

A comedia teatral “As r(h)umorosas" pecha este venres a programación de artes escénicas

Multimedia

  • A comedia teatral “As r(h)umorosas" pecha este venres a programación de artes escénicas