Pestanas principais

A EMMA celebrará o vindeiro 3 de maio o III Encontro de Escola Municipais de Música

Martes, 23 de abril de 2024

A Escola Municipal de Música de Ames (EMMA) vén de anunciar un novo encontro coas escolas de música de Carnota e Caldas de Reis. A xuntanza terá lugar o venres 3 de maio, ás 18:30 horas, na Praza de Chavián, en Bertamiráns. Trátase da terceira edición deste encontro, que xa se celebrou o pasado ano e que acadou gran éxito entre a veciñanza amesá.

A EMMA celebra o vindeiro venres 3 de maio o terceiro encontro de escolas municipais de música, “Música na praza”. Nel, a comunidade educativa da escola musical amesá recibirá aos centros de Carnota e Caldas de Reis. O encontro é unha oportunidade para compartir a paixón pola música nun espazo de convivencia entre alumnado, profesorado e as familias doutros concellos. Este é o terceiro ano no que a EMMA organiza unha xuntanza deste tipo, posto que en abril do pasado ano xa se desenvolveu unha iniciativa similar, que contou coa participación de diversos grupos musicais das escolas da contorna de Ames, entre os que estaban as escolas de O Grove e Negreira.

A xuntanza terá lugar na Praza de Chavián, en Bertamiráns, ás 18:30 horas. Nela participarán máis de medio centenar de alumnos e alumnas das tres escolas. Haberá unha agrupación de violín, unha banda e combos de diferentes estilos. En total, o concerto durará arredor duns 90 minutos, e cada escola participante non excederá dos 20 minutos de actuación.

O encontro na Praza de Chavián entre escolas municipais é a proposta máis recente das organizadas pola Escola Municipal de Música de Ames neste ano 2024, despois de que durante o mes de febreiro se celebrasen audicións e dous concertos de Entroido, nos que participou alumnado de todas as disciplinas da escola.

Do mesmo xeito, a EMMA organizou durante os sábados de abril catro obradoiros musicais, dirixidos a persoas de máis de oito anos e cunha oferta variada de xéneros e disciplinas. Os talleres incluíron propostas de batucada, música tradicional, home studio e teatro musical.

A EMMA celebrará o vindeiro 3 de maio o III Encontro de Escola Municipais de Música

Multimedia

  • A EMMA celebrará o vindeiro 3 de maio o III Encontro de Escola Municipais de Música