Pestanas principais

O CEIP de Barouta celebra a VIII edición da carreira solidaria “Móvome pola Paz” o martes 30 de xaneiro

Sábado, 27 de xaneiro de 2024

Con motivo da celebración do Día Internacional da Paz, o CEIP de Barouta organiza para o vindeiro martes, 30 de xaneiro, a oitava edición da súa carreira “Móvome pola Paz”. Ademais do alumnado do centro, nela poderán participar todos os veciños e veciñas que o desexen. Así mesmo, está tamén convidada toda a comunidade educativa de Barouta e os estudantes de sexto de Educación Primaria do CEIP da Maía e do CEIP de Agro do Muíño, así como os nenos e nenas da escola unitaria de Covas. O obxectivo é a concienciación sobre os dereitos da infancia e a recollida de alimentos e produtos de hixiene para persoas en situación de emerxencia social. Este ano, dada a situación de emerxencia en Gaza (Palestina) tamén se recadarán fondos para enviar a través da Axencia das Nacións Unidas (UNRWA). 

A comunidade educativa de Barouta organiza un ano máis a súa tradicional carreira solidaria, baixo o lema “Móvome pola paz”, con motivo da celebración do Día da Paz, , A súa finalidade é recadar alimentos e outros produtos de primeira necesidade para doar ao Banco de Alimentos municipal. Será o vindeiro luns, día 30 de xaneiro, a partir das 12:00 horas.

Este ano ademais, dada a situación de emerxencia en Gaza (Palestina), tamén se recadarán fondos para enviar a través da Axencia das Nacións Unidas (UNRWA).

Nas probas poderán participar tantos os pais e nais do alumnado de Barouta, como  calquera veciño ou veciña que queira achegarse. Por outra banda, tamén estarán presentes os rapaces e rapazas de sexto de Primaria dos CEIP da Maía e de Agro do Muíño e da unitaria de Covas.

Distintas categorías
A carreira desenvolverase en distintas categorías, adaptadas ás capacidades físicas do alumnado, segundo sinalan dende a dirección do centro. “Corren todos os nenos e nenas de Barouta, e temos catro categorías: a do alumnado de 4º de Educación Infantil, de tres anos, que fan unha carreira pequena, de aproximadamente douscentos metros. Na seguinte aumentamos un pouco máis os metros, e corren 5º e 6º de Educación Infantil. Despois pasamos ao primeiro ciclo de Educación Primaria, que fan xa un circuíto interno polo recinto escolar”, indica Alonso Caxade, director do CEIP de Barouta.

O resto do alumnado participará no itinerario máis longo: “por último, temos a categoría raíña, na que saímos do centro escolar a unha pista forestal e accedemos de novo a el a través do portalón, e que será dun quilómetro e douscentos metros, aproximadamente”.

Todos os corredores rematarán recibindo unha bolsa que inclúe froita, auga, un iogur bebible e unha galleta ou barriña, xunto con información sobre maneiras de alimentarse de maneira saudable.

Acto aberto e solidario
Así mesmo, desde o CEIP de Barouta destacan que se trata dun acto aberto a todas as persoas que desexen involucrarse, e que busca non só implicar á veciñanza na doazón de alimentos e de produtos de primeira necesidade, senón tamén concienciar sobre os dereitos da infancia a través do exercicio físico.

“O primeiro obxectivo deste acto do Día da Paz é recadar alimentos, produtos de primeira necesidade, con ese foco nos nenos e nenas que están nunha situación de emerxencia social e que necesitan a solidariedade de todos os veciños e veciñas do concello de Ames. Con ese foco na infancia cada un colabora na medida das nosas posibilidades”, recorda o director do centro.

Así mesmo, dende o CEIP de Barouta explican que non é necesario asistir á carreira para participar na recollida de alimentos, que se está levando a cabo no propio centro escolar dende o pasado luns. Desta maneira, todas aquelas persoas que queiran colaborar poden facelo depositando os produtos no colexio en horario de 8:30 a 15:00 horas.

Ademais, desde o centro pon a disposición das familias talonarios de dez rifas para recadar fondos ás Nacións Unidas para enviar axuda humanitaria a Gaza. De querer colaborar, os pais e nais deberán escribirlle á titora do seu fillo/a (por axenda, Abalar ou correo electrónico) para que lle entregue o talonario na aula.

A mensaxe da campaña incide en facer a doazón dende a perspectiva dos nenos e nenas, tendo en conta as súas necesidades e preferencias tanto a nivel de alimentación como de hixiene á hora de facer as achegas. Deste xeito, pídese que se lle dea prioridade a cepillos de dentes infantís, galletas, colonias..., sempre sen esquecer outros produtos básicos, como aceite ou arroz.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Barouta corre por la paz en Gaza y para surtir al Banco de Alimentos de Ames este martes"

Ames Go: "VIII edición da carreira solidaria “Móvome pola Paz”, organizada polo CEIP de Barouta"

Cartaz da carreira solidaria Móvome pola Paz