Pestanas principais

O programa Abril de Cine péchase este martes co filme asiático “In the mood for love”

Luns, 22 de abril de 2024

Este martes, 23 de abril, o auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro acolle a última das sesións do ciclo Abril de cine, que busca achegar o cinema clásico á veciñanza amesá. Desta volta proxectarase o filme asiático “In the mood for love”, a partir das 20:00 horas. Ao remate da proxección haberá un coloquio no que participará a actriz e directora Jaione Camborda. As entradas poden adquirirse premendo nesta ligazón.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Cultura, puxo en marcha por cuarto ano consecutivo o programa cultural Abril de Cine. Ao longo deste mes os veciños e veciñas de Ames poden gozar de catro proxeccións. Deste xeito, súmase a disciplina do cinema a programación cultural do Concello, poñendo en valor esta disciplina artística como ferramenta transmisora de información e coñecemento, así como de pensamento crítico.

As proxeccións son en versión orixinal subtitulada e contan cun convidado do eido da cultura (cinema, música, literatura...). Nesta última proxección, haberá un coloquio ao remate do filme no que estará a actriz e directora Jaione Camborda. Nel afondarase nos aspectos máis rechamantes da obra audiovisual. Tamén ao comezo haberá unha pequena presentación para orientar ao público cun par de claves sobre o filme antes da proxección.

“In the mood for love”
A última das sesións de longametraxes do Abril de Cine desenvolverase o 23 de abril. Proxectarase “In the mood for love” (Desexando amar), un filme asiático que se desenvolve no Hong Kong de 1962. Neste contexto, Chow, redactor xefe dun diario local, múdase a un edificio habitado principalmente por residentes de Shaghai onde coñece a Li-zhen, unha moza que acaba de instalarse no mesmo edificio co seu esposo. Un día, ambos descubrirán algo inesperado respecto ás súas parellas que o cambiará todo.

Nesta ocasión será a directora do aclamado filme “O Corno”, Jaione Camborda, a que acompañe ao público durante o coloquio posterior á proxección.

O programa Abril de Cine péchase este martes co filme asiático “In the mood for love”