Pestanas principais

Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López forman o xurado do XXI Certame Literario de Ames

Sábado, 04 de maio de 2024

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, vén de facer públicas as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 179 traballos, un número que supera a xa elevada participación de anos anteriores. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.

A súa decisión farase pública o día 3 de xuño a través das redes sociais e da páxina web do Concello de Ames. Cinco días despois, o 8 de xuño, terá lugar a entrega de premios na Casa da Cultura do Milladoiro.

O Certame Literario do Concello de Ames celebra neste 2024 a súa vixésimo primeira edición batendo récords de participación con respecto a anteriores anos. Se no 2023 participaron 167 textos, nesta ocasión son 179 os traballos que terá que revisar o xurado para escoller os textos gañadores.

A categoría con maior participación foi a sección para persoas maiores de 18 anos na modalidade de poesía, á que se presentaron 64 traballos. Na mesma franxa de idade na modalidade narrativa recibíronse 57 obras. Nas outras dúas categorías de poesía, dirixidas a persoas de menos de 13 anos e a autores e autoras de entre 14 e 17 anos, recibíronse 21 e 11 textos, respectivamente. Do mesmo xeito, na categoría de narrativa nesas mesmas franxas de idade, presentáronse 11 e 14 traballos, respectivamente. En total, participan no concurso 96 textos poéticos e 82 textos narrativos. Premendo nesta ligazón podes consultar a listaxe completa de títulos e pseudónimos das obras presentadas.

Dende o Servizo de Normalización Lingüística amosan a súa satisfacción porque o certame se volva a situar, un ano máis, como un concurso de referencia para moitos autores e autoras en lingua galega, e porque acade, de novo, altas cifras de participación.

Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López forman o xurado do XXI Certame Literario de Ames