Actualidade

Ex., 09-06-2024
Ex., 09-06-2024
Luns, 06 de maio de 2024
 A contorna do paseo fluvial de Bertamiráns acolleu a III Carreira de Orientación do Concello de Ames

A Concellería de Deportes, a través de Xesta Natureza, organizou este domingo, 5 de maio, a terceira edición da carreira de orientación do Concello de Ames, que se desenvolveu na contorna do paseo fluvial de Bertamiráns a partir das 11:00 horas. O evento, no que se inscribiron 278 participantes, contou con tres categorías de menor a maior dificultade (“Xestiñas”, “Xestas” e “Xesteiras”), nas que puideron participar deportistas de todos os niveis e idades. Premendo nesta ligazón pódese consultar a clasificación da carreira.

Sábado, 04 de maio de 2024
Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López forman o xurado do XXI Certame Literario de Ames

O Concello de Ames, a través do departamento de Normalización Lingüística, vén de facer públicas as cifras de participación e os nomes das persoas que integran o xurado da vixésimo primeira edición do Certame Literario de Ames. Nesta ocasión, presentáronse 179 traballos, un número que supera a xa elevada participación de anos anteriores. As persoas encargadas de xulgar os textos desta edición serán Sica Romero, Ismael Ramos e Nazaret López; as tres pertencentes ao ámbito literario e referentes na creación literaria galega actual.

Sábado, 04 de maio de 2024
O Trouleando de maio propón á mocidade amesá unha xornada de surf

A través do programa Trouleando, a Concellaría de Xuventude de Ames organiza unha xornada de surf para a mocidade do concello. Será o vindeiro sábado 25 de maio, en Razo (Carballo) e ofrecerase servizo de autobús dende Bertamiráns e O Milladoiro. As persoas interesadas poden anotarse enviando a ficha de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo electrónico xuventude@concellodeames.gal entre o 6 e o 13 de maio (ambos incluídos). Ofértanse 40 prazas, que se asignarán por orde de chegada.

Venres, 03 de maio de 2024
A Revista Galega de Educación presenta no Concello de Ames o número “Saúde Mental e Educación”

Esta mañá foi presentado no Salón de Plenos o número 87 da Revista Galega de Educación, que leva por título “Saúde Mental e Educación”. Nel abórdase o papel decisivo do ámbito educativo no coidado e prevención da saúde mental infantoxuvenil. Trátase dun acto complementario ás III Xornadas de Saúde Mental, que se desenvolverán no concello o 3 e o 4 de maio. 

Venres, 03 de maio de 2024
Abre o prazo para inscribirse na Escola de verán 2024

Dende hoxe, venres 3, e ata o 20 de maio está aberto o prazo de inscrición para participar na Escola de Verán, unha oferta educativa e de ocio concibida para conciliar a vida laboral e familiar da veciñanza de Ames durante o período non lectivo dos meses de xullo e agosto. O servizo está dirixido aos nenos e nenas escolarizados no segundo ciclo de Educación Infantil e en Educación Primaria. O programa impartirase no CEIP da Maía, en Bertamiráns, e na EEI do Milladoiro e CEP de Ventín, no Milladoiro. O programa ten un horario de 7:30 a 16:00 horas, e inclúe os servizos de comedores e Bos Días. As persoas interesadas deben entregar a documentación necesaria na Sede electrónica do Concello de Ames ou nas oficinas de asistencia en materia de rexistro do Concello de Ames (O Milladoiro e Bertamiráns). Premendo esta ligazón pódese obter os impresos de inscrición da Escola de Verán 2024. As solicitudes presentadas fóra de prazo irán a unha listaxe de agarda.

Xoves, 02 de maio de 2024
O Concello de Ames recibe 1.938.093 euros do Plan Único da Deputación

O alcalde de Ames, Blas García, recibiu esta mañá no Milladoiro á deputada de plans provinciais, Cristina García, e á deputada de Cultura, Natividade González, que presentaron o importe do Plan Único da Deputación que lle corresponde ao Concello de Ames. En dita visita tamén participaron concelleiros/as do Partido Popular, BNG e Espazo Común. Ao Concello de Ames correspóndenlle 1.938.093,19 euros, sumando o importe da fase inicial (979.500,37 euros) e o adicional (958.592,82 euros). Tamén visitaron as obras de ampliación da Casa da Cultura do Milladoiro que están sufragadas a través do POS+ 2022 da Deputación da Coruña.

Xoves, 02 de maio de 2024
A rúa Ameneiral de Bertamiráns será peonil a partir do domingo 5 de maio

Ameneiral será peonil a partir do próximo domingo, 5 de maio. Só poderán transitar por esta rúa do núcleo de Bertamiráns os vehículos que precisen acceder aos garaxes, carga e descarga durante o horario establecido e os comerciantes autorizados para estacionar durante un tempo máximo de 15 minutos.

Xoves, 02 de maio de 2024
A Casa da Cultura de Bertamiráns acolle mañá, 3 de maio, a primeira sesión das III Xornadas de Saúde Mental

O Concello de Ames organiza o 3 e 4 de maio as III Xornadas de Saúde Mental, que nesta ocasión versarán sobre a saúde mental infantoxuvenil no ámbito educativo.  As xornadas,  dirixidas ás persoas interesadas no benestar psicolóxico e a profesionais de todos os sectores, contarán cunha mesa redonda, dúas conferencias e dous talleres prácticos. Participar é de balde, previa inscrición a través do enderezo electrónico xornada.ames@gmail.com. Xa hai 140 participantes rexistrados, pero as inscricións aínda están abertas.

Xoves, 02 de maio de 2024
A comedia teatral “As r(h)umorosas" pecha este venres a programación de artes escénicas

Para este venres o departamento de Cultura do Concello de Ames propón unha peza teatral dirixida a público adulto.  A programación cultural do primeiro semestre de 2024 remata mañá, 3 de maio, ás 20:30 horas, coa comedia teatral "As r(h)umorosas". O espectáculo, producido por Etiqueta Negra, emprega o humor para poñer en valor as figuras das grandes mulleres ilustres da historia de Galicia. As entradas para esta obra están esgotadas. Esta representación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Mércores, 01 de maio de 2024
O Concello de Ames ampliará os postos do mercado de rúa de Bertamiráns

Dende a Concellaría de Promoción Económica estase traballando para ampliar o número de postos do mercado de rúa de Bertamiráns. Na actualidade dito mercado conta con 52 postos. A partir do 15 de maio comezaranse a tramitar as novas altas que se irán dando de forma progresiva. Os vendedores ambulantes que queiran pasar a formar parte do mercado deben facer unha solicitude indicando o xénero de venda, os metros que solicitan (máximo 8 metros), e os datos de contacto para poder solicitar dende o departamento toda a documentación pertinente no momento da adxudicación definitiva do posto. Premendo nesta ligazón podes acceder ao regulamento do mercado de rúa.