Agenda
O venres 22 de novembro, ás 18:00 horas, chegarán á Casa da Cultura do Milladoiro os danzacontos "A marabillosa viaxe da pinga Pingona". Dirixido a nenos e nenas de 1 a 6 anos, trátase de contos danzados orientados a explorar múltiples emocións a través da lingua e da música que terán como protagonistas a amizada, o respecto e a natureza. Será unha fermosa historia de empatía, escoita, comprensión e amizade, ao tempo que as crianzas exploran elementos do mar, o ceo, a terra e o ciclo da auga.
O certame Galetiktokers, organizado polos departamentos de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames, volve por quinto ano consecutivo co obxectivo de estimular a creatividade entre a mocidade, animar a creación de vídeos en galego con novos formatos e temáticas, e visibilizar a comunidade galega na rede social TikTok. Haberá seis premios de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o 23 novembro de 2024 na Casa da Cultura do Milladoiro.
A gala estará presentada por Nuria Gandío López (@konachadas) e Rodri Míguez, e contará coa actuación do rapeiro Big Meu.
No mes de decembro, o xoves 12, entregaranse os Premios Lingua Empresa no auditorio do Milladoiro.
O venres 13 de decembro, ás 18:00 horas, Anxo Moure e a Banda da Montaña chegarán ao Pazo da Peregrina de Bertamiráns da man do Apalpador. Dirixido a público familiar, o Apaldador volve a Ames para abrir o Nadal con contos, cantos e agasallos máxicos procedentes da Serra do Courel. Ademais, recollerá as cartas que os nenos e nenas lle queiran deixar.