Actualidad

O proxecto Enreguéifate ultima os preparativos para clausurar esta oitava edición co certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición remata o vindeiro 20 de marzo de 2025. Para anotarse é preciso enviar un ou máis vídeos, cunha duración máxima de 3 minutos, nos que aparezan cando menos 2 persoas regueifando sobre un tema libre. As bases completas poden consultarse na páxina web do certame, a través da cal tamén pode facerse a inscrición. Os servizos de normalización lingüística dos Concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Teo impulsan este proxecto de dinamización lingüística que pon en valor a regueifa, unha das expresións da poesía popular oral galega.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo concelleiro de Xestión do Medio Natural e Atención ao Rural, Javier Antelo, acompañados do persoal do departamento de Medio Ambiente, visitaron esta semana o ámbito 34 de Cruxeiras, onde se actuou en 27.294,36 metros cadrados correspondentes a 25 fincas e nas que se plantaron 180 árbores frondosas (castiñeiros, carballos, cerdeiras, noceiras e bidueiros). A adhesión ao plan implica que durante o inverno de 2025 estas parcelas serán novamente rozadas con cargo a dito plan e logo deberán ser mantidas polos/as propietarios/as. As persoas con parcelas no ámbito de Cruxeiras aínda poden presentar a correspondente solicitude para adherirse ao plan 2025-2026. Ademais, no pleno ordinario de marzo debaterase a continuidade do plan municipal de prevención de incendios forestais ata 2029.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organizou este venres pola tarde a quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrou na área deportiva do Milladoiro. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro da programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día, a través dos obstáculos que se instalaron no circuíto. Máis de 200 participantes tiveron que completar un percorrido de 600 metros e 9 obstáculos.

O Concello de Ames informa sobre a apertura da convocatoria de axudas para a promoción de actividades levadas a cabo no exercicio 2024 polos clubs e asociacións deportivas de Ames. A contía destinada a esta convocatoria ascende nesta anualidade aos 80.000 euros. O prazo de presentación de solicitudes é de 30 días naturais desde a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia (BOP), que tivo lugar onte, 13 de marzo; polo que estará aberto ata o vindeiro sábado 12 de abril. Pódese consultar as bases da convocatoria na seguinte ligazón.

O concello de Ames acolle un ano máis a segunda proba do circuíto de ciclismo de montaña Transgalaica 2025. Este domingo, 16 de marzo, será a novena ocasión na que o concello acolla este evento deportivo, unha das citas con maior repercusión no mundo do ciclismo no noroeste español. Esta proba, organizada polo club ciclista amesán Os Esfola Arrós e a empresa Team Relay (Transgalaica), conta coa colaboración do Concello de Ames. A saída realizarase dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns ás 9:30 horas, onde comezará un circuíto de 32 quilómetros que haberá que percorrer dúas veces, facendo así en total unha proba de 64 quilómetros. Na proba están inscritos un total de 301 ciclistas. Premendo neste enlace poderás obter o aviso municipal dos cortes e da prohibición de estacionamento na avenida José Luis Azcárraga con motivo da proba.

O pasado martes, 11 de marzo, ás 16:30 horas, o IES do Milladoiro acolleu unha xuntanza de traballo intersectorial para conmemorar o décimo aniversario da Rede do Milladoiro. Este encontro, baixo o lema Restaurando a Rede, pretende ser un espazo de reflexión e celebración do traballo desenvolvido ao longo desta década, ademais de sentar as bases para sementar o futuro.

No mes de marzo o programa Apego continúa a súa programación de propostas para as crianzas amesás. Desta volta, cun obradoiro de debuxo colaborativo impartido por As Seibas Espazo Educativo, que terá lugar o vindeiro venres 21 de marzo, ás 18.00 horas no Pazo da Peregrina de Bertamiráns. O prazo de inscrición está aberto desde hoxe, 13 de marzo, ata o vindeiro xoves día 20. Para participar, é preciso enviar un correo a normalizacion@concellodeames.gal indicando o nome e apelidos das persoas asistentes, a idade das crianzas e un teléfono de contacto.

O Concello de Ames, a través do departamento de Cultura, continúa coa súa programación de artes escénicas neste 2025. Desta vez, o auditorio de Bertamiráns acollerá mañá a representación da peza “Reconversión”, de Ibuprofeno Teatro, que narra as mobilizacións do sector naval na Ría de Vigo. As portas abriranse ás 20.15 horas e prégase puntualidade a todas as persoas asistentes. Esta programación forma parte do convenio de colaboración entre a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e o Concello de Ames.

Este mércores, 12 de marzo, a Asociación Empresarial Galega de Centros Especiais de Emprego (CESAGAL) e a Asociación de Empresas de Inserción de Galicia (AEIGA) organizaron a xornada “Compra pública responsable nas administracións locais”, un encontro dirixido a responsables municipais, profesionais do sector público e entidades de economía social interesadas en promover unha contratación pública con impacto social e ambiental. O alcalde de Ames e vogal da Comisión Executiva da FEGAMP, Blas García, participou na Mesa redonda “Desafíos e oportunidades na contratación responsable nos concellos galegos”.

O Concello de Ames, a través da Concellaría de Benestar Social e Igualdade, organiza para este venres 14 de marzo a quinta edición da carreira da muller “Moitos camiños, mesma meta”, que se celebrará na área deportiva do Milladoiro. Trátase dunha cita deportiva lúdica e non competitiva, incluída dentro do programación conmemorativa do Día Internacional da Muller. O obxectivo da proba, que comezará ás 17:30 horas, é reivindicar os distintos atrancos aos que se ven sometidas todas as mulleres no día a día, a través dos nove obstáculos que se instalarán no circuíto. A inscrición, de balde, pode realizarse en liña premendo nesta ligazón. Neste evento familiar poden participar nenos/as de 5 anos en diante e persoas adultas, que terán que completar un percorrido de 600 metros.
- 1 de 1367
- siguiente ›