Solapas principales

>Transgalaica

Domingo, 16 marzo, 2025
Ás 9:30 horas

Un ano máis, o circuíto de bicicleta de montaña Transgalaica pasa por Ames, na que é xa a novena cita consecutiva desta proba no noso concello, sen contar o paro de 2021 por mor da situación epidemiolóxica provocada pola Covid. A carreira, que se celebrará o domingo 16 de marzo, é a segunda das cinco que conforman o calendario da Transgalaica 2025. A primeira etapa celebrouse o pasado 2 de marzo en Cerdedo-Cotobade e contou coa organización do Monteferro Bike Club.

A proba comezará ás 9:30 horas diante do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, para pasar despois por Aldea Nova, Aguapesada, seguindo por Lamas, ata chegar ás instalacións do Real Aeroclub de Santiago en Piñeiro, o Monte San Marcos e Ventosa. Dende aí volverase ata Bertamiráns por Aldea Nova. Estímase que os primeiros ciclistas completen a primeira volta sobre as 10:49 e a segunda sobre as 12:03 horas. Antes, dende as 8:00 horas, comezará a entrega de dorsais na propia zona do Pazo. Pola súa banda, a entrega de premios terá lugar a partir das 14:00 horas.

Unha das principais novidades deste ano será a incorporación adicional dunha carreira sprint, na que o seu resultado computará puntos para a clasificación xeral absoluta da Transgalaica. Só puntuarán os primeiros 25 clasificados en pasar pola liña de meta na primeira volta.

Percorrido
O percorrido desta edición será semellante ao das pasadas edicións. Na segunda volta, non se subirá á zona de Aldea Nova e os participantes irán directamente polo sendeiro fluvial “Rego dos Pasos”, que estará debidamente indicado o propio día da proba.