[06-01-2011] O goberno municipal acaba de aprobar a concesión dun total de 39.155 euros para sufragar os investimentos efectuados por comisións parroquiais e asociacións veciñais. Esta liña de axudas ten o obxectivo de apoiar economicamente ás comunidades parroquiais ou veciñais para que poidan mellorar as súas instalacións ou construír novas infraestruturas. A través desta convocatoria tamén se pretende colaborar con aquelas entidades subvencionadas por organismos supramunicipais. Despois de examinar e valorar todas as solicitudes presentadas sete asociacións beneficiaranse desta convocatoria de axudas. Estas entidades terán de prazo ata o 15 de abril para xustificar o gasto polo que recibiron a devandita subvención. Poderase solicitar unha prórroga que nunca excederá do 12 de maio de 2011.
O Concello de Ames aprobou unha convocatoria de subvencións destinada a sufragar investimentos efectuados por comisións parroquiais e asociacións veciñais durante o ano 2010. A finalidade desta convocatoria de axudas é promover investimentos que impliquen a execución de obras ou equipamentos de interese xeral no ámbito municipal como poden ser camiños, abastecementos de auga, saneamentos, etc.
As bases desta convocatoria foron aprobadas no mes de setembro de 2010. Segundo o disposto nelas puideron presentarse a esta convocatoria de subvencións as comisións parroquiais e asociacións veciñais que realizasen este tipo de traballos durante o exercicio 2010. Quedaron excluídas da devandita convocatoria as obras en bens de interese cultural e patrimonial, que deberán acollerse ao programa de subvencións específico que tamén puxo en marcha o Concello.
Tamén puideron optar ás axudas agrupacións de persoas físicas de ámbito parroquial ou veciñal, creadas de xeito específico para a formalización deste tipo de solicitudes. Estas entidades debían estar integradas, cando menos, por tres persoas: un presidente e dous vocais, de acordo en todo caso cos requisitos contemplados nestas bases.
A concesión desta achega é compatible ca percepción doutro tipo de axudas públicas para o mesmo proxecto, sempre e cando a suma de todas elas non exceda do custe da actividade subvencionada. Os beneficiarios/as e os/as representantes deben estar ao día nas súas obrigas tributarias co Concello. No caso de subvencións concedidas a grupos de veciños, este requisitos deberá ser cumprido por todos e cada un dos integrantes da agrupación.
Asociacións beneficiarias
Despois de que no mes de novembro rematase o prazo para presentar as solicitudes a comisión avaliadora revisou todas as propostas presentadas e aprobouse a concesión de 39.154 euros. Desta liña de axudas vanse beneficiar sete asociacións veciñais e comisións parroquiais. Estas entidades son a Asociación de Veciños Tras do Rio de Tarrío, que recibirá 2.736,71 euros para construír un muro de pedra na Costaneira; o grupo de veciños de Guimaráns recibirán 18.872,45 euros para construír uns aseos públicos e restaurar o local que existe no cemiterio de Bugallido; a comunidade de usuarios de A Moniña- Fraíz recibirá 3.020,91 euros para executar unha obra co fin de modificar a traída de auga; a Asociación de Veciños San Pedro de Bugallido disporá de 5.400 euros, para reformar o local que está situado debaixo do palco das festas.
Por outra banda, a Asociación Riamontes de Pedrouzos recibirá 2.685 euros para arranxar unha fonte que se atopa no lugar de Pedrouzos, pertencente á parroquia de Ames; a Asociación Recreativa e Gastronómica do "Chourizo ao viño" de Ortoñiño (Ortoño) dispón de 4.531,36 euros para realizar melloras en bens públicos para que poidan ser usados pola veciñanza amiense. Por último a Asociación Cultural Monte da Costa de Sura, pertencente á parroquia de Ameixenda recibirá 1.908,43 euros para reparar o tellado do seu local social. En total vanse repartir un total de 39.155 euros entre sete asociacións e comisións de veciños/as de Ames.
Así mesmo, resolveuse rexeitar unha solicitude presentada pola Asociación de Veciños Monte do Crego de Trasmonte, por tratarse dunha obra (construción de casetas no campo da festa) que xa está executando o Concello de Ames. Ademais rexeitouse parcialmente a solicitude presentada pola Asociación Recreativa e Gastronómica do "Chourizo ao viño" de Ortoñiño, soamente no tocante á actuación denominada "acopio de material para a canalización de auga", xa que que esta obra non é obxecto da liña de subvencións que sacou o Concello ao considerarse que non é un programa de investimento.
As entidades beneficiarias desta convocatoria de axudas terán de prazo ata o 15 de abril para xustificar o gasto polo que recibiron a devandita subvención. Poderase solicitar unha prórroga que nunca excederá do 12 de maio de 2011.
A nova noutros medios dixitais: