[09-01-2011] Un ano máis os índices de poboación de Ames continúan subindo chegando neste momento aos 28.955 habitantes. Deste xeito aumenta a cifra con respecto ao ano pasado en preto de 1.000 novos veciños e veciñas e achegándose aos 29.000. Do total de habitantes censados en Ames son algo máis de 20.000 os que se atopan en idade de traballar e máis de 6.300 os que se atopan na franxa situada entre os 0 e os 18 anos. Con respecto á poboación procedente de fóra do concello, son 1.769 os estranxeiros procedentes doutras localidades de España e doutros países europeos, americanos, africanos e asiáticos. Estes datos non son definitivos, pois para completar os datos anuais faltan por contabilizar as altas e baixas dos meses de outubro, novembro e decembro de 2010, polo que o censo oficial de 2010 coñecerase o 1 de marzo de 2011.
O concello de Ames suma habitantes un ano máis e aproxímase pouco a pouco aos 30.000 cunha poboación total no que vai de ano -sen contabilizar as altas e baixas de outubro, novembro e decembro- de 28.955 habitantes, dos que unha maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo dos mozos, garantindo así o futuro demográfico do concello que pouco a pouco vai gañando novos cidadáns mediante novos nacementos e novas incorporacións de persoas, tanto procedentes doutros concellos do Estado como daqueles que proceden do estranxeiro.
Por localidades, Milladoiro segue á cabeza do concello cun total de 11.842 habitantes censados, fronte a Bertamiráns que ocupa o segundo posto con 7.587 e os 9.526 que se distribúen entre as urbanizacións e as zonas rurais do concello. Con todos os datos derriba da mesa, podemos dicir que Ames destaca pola paridade en canto a sexos. Se falamos de demografía, tan só existen un punto e medio de diferenza entre os homes e as mulleres. Hai 14.024 homes que representa o 48,43% da poboación, mentres que elas son 14.931 e representan o 51,57%.
Por todos é sabido que Ames conta cunha boa base demográfica que garante a subsistencia futura do concello. É un dos concellos de Galicia cunha maior poboación xuvenil (320 nenos e nenas naceron ata outubro de 2010 no concello e son 1.277 os menores de tres anos empadroados en Ames), dándose o feito de que se produce unha media de máis dun nacemento diario e que conta cun total de 4.646 habitantes de entre 0 e 12 anos.
Se temos en conta a franxa de idade de entre 0 e 18 anos no que vai de ano, Ames conta con 6.325 rapaces e rapazas situados nesta franxa (o 21% da poboación total), dos cales, 3.209 (10,2%) son homes e 3.116 (10,75%) mulleres, levando estas unha leve vantaxe sobre os varóns.
A xente moza, situada entre os 18 e os 30 anos, ascende a un total de 4.106 habitantes, co que a idade media da poboación amesá ronda os 30 anos. Estes 4.106 habitantes supoñen o 14,17% da poboación total do concello dos que 1.950 son homes (6,74% da poboación total), mentres que 2.156 son mulleres (7,43%), levando estas, unha vez máis, un pequeno marxe de vantaxe sobre os varóns.
Se situamos a idade legal para traballar entre os 16 e os 65 anos, a poboación con posibilidade de traballar sitúase no concello de Ames nos 20.739 veciños e veciñas (71,59% da poboación), dos que 10.107 (34,88%) son homes e 10.632 (36,72%) mulleres. Isto, xunto cun grande número de veciños e veciñas novos garante o futuro económico da localidade en canto a capacidade da mesma de ofertar un grande número persoas ao mercado laboral.
Poboación estranxeira
Ademais un 6% da poboación censada son persoas que proveñen de países estranxeiros. O número de estranxeiros que elixiron Ames para establecer a súa residencia aumentou a un ritmo vertixinoso na última década. Dende o ano 2000 esta cifra multiplicouse por dez. Actualmente un total de 1.769 persoas censadas en Ames son poboación estranxeira. Deste total, 701 son persoas procedentes directamente de países estranxeiros mentres que 1.068 son poboación estranxeira procedente doutros concellos de España.
Se nos centramos neste grupo, cabe destacar a pluralidade de nacionalidades de orixe destes novos cidadáns. Divididos por continentes, América aporta ao concello de Ames 1.112 veciños e veciñas, Europa 528, África 84 e Asia 53.
Se facemos un ránking do número de cidadáns e cidadás procedentes doutros estados os datos son os seguintes. A maioría dos estranxeiros que residen en Ames proceden de países tan variados como Brasil (347), Portugal (233), Colombia (166), Arxentina (110), Venezuela (106), Italia (80), República Dominicana (68), Uruguai (65), Cuba (65), Romanía (60), China (43), Marrocos (41), Ecuador (34), Perú (32), Paraguai (29), Alemaña (25), Chile (24), Panamá (17), México (17), Rusia (14), Estados Unidos (13) e Angola (12). Das 1.769 persoas estranxeiras, 744 son homes mentres que 1.025 son mulleres.
Datos curiosos
Entre os datos curiosos do censo de 2010 destaca o feito de contar cun cidadán apátrida e un dos Territorios Palestinos, que malia non ter Estado propio, contan coa posibilidade de marcar como nacionalidade de orixe a palestina. Outros dos feitos destacables é que ata o de agora o concello conta con 3 maiores de 100 anos (1 home e dúas mulleres) e unha muller de 101.
Na última década, o Concello de Ames ergueuse como o máis puxante de toda a comarca compostelá gañando 16.000 novos veciños dende 1996. Este incrible aumento confírmao coma un dos municipios máis atractivos por varias razóns: a oferta de vivenda nova e de calidade a bo prezo, ser un importante núcleo de puxanza económica, os servizos municipais orientados á mellora na calidade de vida son moitas das características que fan de Ames un perfecto destino para comezar a construír unha nova vida familiar.
Ademais, a súa proximidade coa cidade de Santiago de Compostela e a mellora das comunicacións co resto de Galicia, en parte grazas á posta en marcha da autovía que une Santiago con Brión, supón un paso moi importante para empadroarse no Concello: prezos máis ao alcance dos cidadáns e todo preto da casa nun ambiente máis relaxado lonxe da tensión que se respira nas cidades.
Aínda que no futuro todo parece indicar que o crecemento da poboación non vai aumentar ao ritmo destes últimos anos, tanto pola crise como polo estancamento de poboación que sofre a sociedade española, Ames seguirá sumando habitantes ao seu censo. Deste xeito, poderá seguir presumindo de ser un dos municipios que máis medre en toda Galicia nos próximos meses e, por que non, alcanzar a cifra soñada dos 30.000 amienses.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Ames alcanza los 29.000 vecinos, con un parto al día"
La Voz de Galicia: "Milladoiro ya está cerca de los 12.000 vecinos"