[10-01-2011] O pavillón polideportivo de Bertamiráns acolleu o sábado, día 8 de xaneiro, a oitava edición do Trofeo de Nadal de Karate, organizado pola Agrupación Deportiva Galaika coa colaboración da Concellaría de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico de Ames. Preto de 200 karatecas das categorías de benxamín, alevín, infantil, xuvenil e cadete participaron neste evento deportivo que foi seguido por máis de 300 persoas. O club local "Deportivo Bispo Guerra Campos" acadou os primeiros postos nas categorías de benxamín masculino e femenino e segundos, terceiros e cuartos postos en alevín masculino, alevín feminino, infantil feminino e xuvenil feminino. O alcalde de Ames, Carlos Fernández e o concelleiro de Deportes, Francisco Villaverde, presenciaron a totalidade das probas e entregaron os trofeos.
Este ano déronse cita no "VIII Torneo de Kárate Concello de Ames" 14 club de toda Galicia entre os que se atopaban o Bispo Guerra Campos, a Asociación Deportiva Galaika, o BUSHI-KAI Santiago, o San Francisco de Teo, o Club Karate Touro, o Club Karate Boiro, o Club Cluny, o Club Lamas de Abade, o Club Ramón Cabanillas, o Club Karate Lavacolla e o Sempai de Muros.
Este "clásico" do calendario de eventos deportivos municipais, disputouse na modalidade de kata. Esta modalidade céntrase na exhibición dunha combinación de golpes de mans e pés ordenados en secuencias de movementos, bloqueos, desprazamentos, xiros e saltos. A mostra, que cada deportista realiza ao aire contra un adversario imaxinario, persegue tanto a destreza na execución como a orixinalidade na presentación dos traballos.
Nenos e nenas amosaron os seus niveis e destrezas na disciplina. Os mozos e mozas de 5, 6 e 7 anos competiron en benxamín; os de 8 e 9 anos en alevín; os de 10 e 11 anos fixérono no grupo infantil, os de 12 e 13 anos competiron na categoría xuvenil. Na competición dous contrincantes executaron as súas técnicas un seguido do outro dependendo da cor do seu cinto. O gañador da competición tiña que ter a meirande parte das bandeiras erguidas ao seu favor. Cinco xuíces foron os encargados de avaliar cada unha destas rutinas tanto na execución como na dirección, a forza e o equilibrio.
A kata está especializada nunha sucesión de técnicas determinadas que o deportista executa ao aire contra un adversario imaxinario. No karate esta modalidade céntrase nunha combinación de golpes de mans e pés baixo unha secuencia de movementos, bloqueos, desprazamentos, xiros e saltos nos que se persegue unha perfecta execución e orixinalidade.
O club local deportivo Bispo Guerra Campos acadou diversos trofeos, entre eles os primeiros postos nas categorías de benxamín feminina e benxamín masculino que corresponderon a Sofia Méndez Bernárdez e Nicolás Tajuelo Arenas. Os primeiros postos nas restantes categorías foron para Carmen León Fernández do club BUSHI KAI, na categoría de alevín feminino, Lois Morón do Club Cluny, na categoría de alevín masculino, Isabel San Martín López do club San Francisco Teo, en infantil feminino, Xabier Santos Veiga, do mesmo club en infantil masculino, Paula Vilariño Gasamáns do club Bushi Kai en xuvenil feminino e Alex Cepeda Mendoza, do club San Francisco Teo, na categoría de xuvenil Masculino.
O alcalde de Ames, Carlos Fernández e o concelleiro de Deportes, Francisco Villaverde seguiron con atención todo o desenvolvementro das probas e foron os encargados de entregar os trofeos aos vencedores. Agás dos trofeos, todos os participantes recibiron medallas conmemorativas do evento.